Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Nos comicios do 29 de outubro sairán os representantes das confrarías galegas

Por 6 Setembro, 2022Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na clausura da xornada O mar nas nosas mans, na que distintos representantes da Xunta explicaron aos profesionais do sector como se vai desenvolver nas vindeiras semanas o terceiro proceso unificado de eleccións ás confrarías de pescadores de Galicia. Nel a titular de Mar animou aos preto de 11.000 socios destas entidades a participar nos comicios, pois permitirán renovar os órganos de goberno dos 63 pósitos galegos e das catro federacións existentes na comunidade. 

A convocatoria do proceso electoral sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro luns e a partir dese momento comezan a contar os prazos para a elaboración dos censos e a presentación de candidaturas. O día de celebración das votacións será o 29 de outubro, a proclamación definitiva dos vogais da xunta xeral de cada confraría será o 9 de novembro e o 24 de novembro realizarase a proclamación definitiva dos órganos reitores dos pósitos, que tomarán posesión ao día seguinte. 

Unha vez completada a renovación nas confrarías, iniciarase o procedemento para elixir aos órganos reitores das tres federacións provinciais -A Coruña, Lugo e Pontevedra-, que serán proclamados definitivamente o 19 de decembro e tomarán posesión un día despois. A continuación procederase coa elección do comité executivo e do presidente da federación galega, da que se proclamarán os órganos reitores o 9 de xaneiro de 2023 e tomarán posesión ao día seguinte. 

A conselleira do Mar lembrou que as confrarías son entidades fundamentais tanto para a defensa dos intereses do sector na súa área de influencia como para facer de interlocutores coas distintas administracións, polo que teñen un papel vital no día a día dos profesionais do mar. Por iso, animou a todas as traballadoras -de xeito especial a elas, para que gañen en representatividade- e traballadores do sector a participar activamente nos comicios, tanto formando parte dalgunha das candidaturas como acudindo ás urnas o día das votacións.

A titular de Mar tamén salientou que a Xunta pon a disposición do sector nesta ocasión -as terceiras eleccións unificadas tralas de 2014 e 2018- a aplicación Elecon Móbil, que pretende apoiar e favorecer a dinamización do proceso electoral entre os membros dos órganos reitores das confrarías e das súas agrupacións sectoriais. Esta ferramenta, desenvolta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitará o traslado de información detallada, instantánea e por sectores aos membros das confrarías de pescadores. 

Rosa Quintana apelou á implicación de todos os profesionais do mar neste proceso electoral para que a súa participación sexa elevada e dea mostra da boa saúde do sector marítimo-pesqueiro galego. Os órganos reitores que saian destes comicios, engadiu, marcarán o rumbo das confrarías nos vindeiros catro anos.

Por iso, Rosa Quintana agradeceu de antemán tanto a aqueles que decidan presentarse por primeira vez nalgunha candidatura como a aqueles que repitan e aos que dean un paso atrás para que se incorpore xente nova aos órganos de dirección. Todas esas decisións, dixo, serán determinantes para o futuro das 63 confrarías galegas e a defensa dos dereitos e intereses das súas socias e socios.

PROCESO ELECTORAL

Galicia celebra este ano os terceiros comicios unificados para renovar os órganos reitores das confrarías de pescadores. Neles os preto de 11.000 socios existentes en Galicia elixirán ás persoas que os representarán e defenderán os seus intereses nos vindeiros catro anos. 

A participación nas eleccións de 2018 superou o 62%, unha porcentaxe semellante á de 2014, e celebráronse votacións en 59 das 63 confrarías pois en catro delas non foron necesarias ao coincidir o número de candidatos co número de vogais que tiñan que ser elixidos nos comicios.