Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXADeportes LUGOXADeportes TERRACHÁXA

Once axudas para o deporte repartíronse na zona centro da provincia de Lugo

Por 30 Outubro, 2023Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se resolven as solicitudes para a segunda convocatoria do ano das subvencións dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. Desta volta foron 59 concellos beneficiados que recibiron 79 axudas para instalacións, equipamentos ou para ambas por un importe total de máis de 2 millóns de euros (1,1 millóns neste 2023 e o restante en 2024).  Do orzamento total, máis de 1,7 millóns de euros van destinados á liña de instalacións, e máis de 230.000 euros á liña de equipamentos.

Esta nova convocatoria de 2 millóns de euros súmase á primeira convocatoria resolta no mes de xullo pola que se repartiron preto de seis millóns de euros (3,4 en 2023 e os 2,4 restantes en 2024) e que beneficiou a 148 concellos a través de 225 axudas. En total, grazas as dúas convocatorias, un total de 206 concellos recibiron 304 axudas, polo que o 66% dos municipios galegos víronse beneficiados por esta nova orde: 98 en ambas as dúas liñas, 72 só na liña I e 36 na liña II. Deste xeito foron repartidas 170 axudas para infraestruturas e 134 para equipamento entre os concellos de Galicia.

Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

Na provincia de Lugo, oito concellos recibiron un total de once axudas. Tres municipios foron subvencionados nas dúas liñas (instalacións e material): Rábade, Monterroso e Vilalba. Mentres que outros cinco foron beneficiados pola liña I para instalacións deportivas: Pastoriza, Castroverde, Palas de Rei, As Nogais e Guntín. Tendo en conta as dúas convocatorias, 43 concellos lucenses recibiron 62 axudas -19 en ambas liñas, 17 na liña I e sete na liña II-.