Skip to main content
Axenda Caducada

Paco Nogueiras actúa a próxima fin de semana en Burela

Por 9 Marzo, 2021Marzo 14th, 2021Sin comentarios

Trala publicación de Radio Bulebule e de Brinca Vai (gañador dos III Premios Martín Códax da Música na categoría de espectáculo infantil) cos que percorreu festivais, escenarios e escolas de toda Galicia, o compositor e intérprete Paco Nogueiras presentará o vindeiro sábado 13 de marzo ás 18:30 horas no auditorio municipal de Burela a súa última obra, Extra, coa que o autor volve recuncar nos medios de comunicación -nesta ocasión, a prensa escrita- coas 12 cancións deste novo libro-disco ilustrado por Marc Taeger que conta co apoio dos videoclips dirixidos por José Miguel Sagüillo.

Os temas dispóñense como nun xornal, con distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. Fiel á frescura do seu estilo e á súa conexión co público infantil Paco Nogueiras coida as letras das composicións e as melodías, que destacan polos ritmos modernos, pegadizos e bailables, invitando á participación do público.

Marc Taeger desdobra a figura de Paco Nogueiras en numerosas e divertidas facetas, cheas de colorido, dinamismo e expresividade. Sempre cos seus característicos lentes e co inseparable chapeu azul, o protagonista convértese en repartidor e lector de periódicos, nun entusiasta cronista do mundo, ao ritmo da música. Porque a prensa é un valioso recurso na escola e no fogar para animar á escrita, á plástica creativa, para desenvolver habilidades lectoras, a curiosidade e a imaxinación, dinamizar a socialización e o traballo en equipo, os coñecementos tecnolóxicos.

As entradas estarán dispoñibles na billeteira por 2’50 euros cada unha.