Skip to main content
Taboada

Poetas do reencontro II chega a Taboada cun recital poético

Por 4 Setembro, 2022Setembro 5th, 2022Sin comentarios

O concello de Taboada acolle o próximo sábado 10 de setembro a presentación do libro Poetas do reencontro II, da Irmandade poética e artística galaico-lusa. O evento, que terá lugar ás 18.30 horas no antigo cuartel, irá acompañado dun recital poético.

No acto intervirán as figuras de Ana Rey como promotora do evento, Anxo Boan como presidente da irmandade e coordinador do libro, Ana Vila autora de “poeta labrega” e presentadora do evento e Manoele da Felisa, cantautor galego.

O evento está organizado pola irmandade poética e artística galaico-lusa en colaboración co concello de Taboada.

O LIBRO

Poetas do reencontro II é máis ca un libro. Poetas do reencontro II é unha colleita de sesenta e nove poetas tanto de Portugal como de Galicia que rememoran a lingua romance mais antiga da península a partir do latín vulgar. Mil anos despois daqueles trobadores galaico-portugueses coas súas cantigas de amigo, de amor ou escarnio xúntanse de novo sesenta e nove poetas do norte e sur do Miño para xunguir na poesía aqueles orixes e culturas comúns que, con poucas variantes, seguiron parellas ao longo da historia, a pesar das fronteiras políticas.

Galicia e Portugal son dous pobos irmáns xurdidos dun reino común, algo así como dúas almas xemelgas, dúas ramas dunha mesma árbore que se alimentan de talo e raíces comúns. Poetas do Reencontro II é a colleita da poesía galaico-luso e luso-galaica do ano vinte un do século XXI.