Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Política

Por 3 Agosto, 2017Outubro 28th, 2017Sin comentarios

Non adoito a falar de política porque nin é o meu, nin considero que teña a solvencia precisa para emitir certos xuízos, agás a miña opinión, que teño, loxicamente, como todo o mundo.

Sen embargo, nesta ocasión non podo resistirme a tocar este tema, porque hai xa tempo que observo algo que me chama profundamente a atención e que me provoca un enorme rexeitamento, que é a acusada tendencia de algunha persoa que, dicindo defender as súas conviccións, apoiar a os seus afíns e mesmo liderar algún grupo político, usan a discreción o insulto, a descualificación e lles dan o eufemístico nome de “argumentos”.

Eu estou convencida de que discrepar non é malo. Todo o contrario. Penso que é saudable e moi enriquecedor. Mesmo as veces é entendible un certo alporizamento cando a paixón polo que estamos a defender e no que cremos firmemente nos supera. Somos humanos, e como tales sentimos e vibramos.

Agora ben, mostrar o noso desacordo ou o noso malestar a base de insultos e cualificativos as veces algo mais que groseiros, na miña opinión, non soamente non te reafirma, senón que che fai perder toda credibilidade, por moi sólidas que sexan as razóns que tentas esgrimir.

Eu sempre digo que os nosos actos e as nosas manifestacións nos definen, por iso, se o comportamento que estou a describir me sorprende, aínda o fai mais o daqueles que, ante tal espallamento de lixo verbal non dubidan en unirse a festa e facerlle os coros a “prima donna” ou “tenor” de turno que non deixa títere con cabeza e lles rin as grazas e os apoian como se foran os gurús que lles van garantir a panacea para mudar o mundo.

Realmente aproban un comportamento que a min paréceme, e perdoádeme a expresión, francamente desprezable?. E algo que aínda me sorprende mais, de verdade lles merece confianza alguén que soamente sabe insultar e xamais aporta ideas ou posibles solucións coherentes?.

Que pensan que vai acontecer o día que eles mesmos discrepen dos seus disparates e o manifesten?. Porque, ou están feitos da mesma pasta, ou, mais cedo ou mais tarde, ese momento chegará, e entón, que imaxinan, que con eles vai ser diferente, que non lles van alcanzar os seus dardos envelenados?.

A mágoa é que estes personaxes, aspirantes frustrados a líderes, confunden a mais dun, polo menos inicialmente, xa que comezan proxectando unha imaxe de compromiso, sen pelos na lingua, que pouco a pouco van mudando nun penoso e patético espectáculo que a mais dun lle fan pensar que a política é sinxelamente iso…lixo.

Reitérome, unha mágoa e unha actitude, ademais de francamente deplorable, bastante disuasoria a hora de considerar unha posible implicación, independentemente da formación política da que se estea a falar.

E xa para rematar, gustaríame recordarlles a todos aqueles que fan do insulto o seu “modus operandi” habitual que iso, insultar, é, sinxelamente o penoso intento de esgrimir argumentos de quen carece xustamente de iso…de argumentos.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Sí, hai saída