Skip to main content
Lugo

Potenciar o consumo e o emprendemento e facilitar os trámites burócraticos: as necesidades do comercio en Lugo

Por 19 Febreiro, 2024Sin comentarios

O presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, mantivo este luns un encontro coa alcaldesa, Paula Alvarellos, para tratar sobre as propostas e demandas do colectivo a nivel local. Así, entre outros asuntos, trataron a necesidade de medidas para potenciar tanto o comercio establecido como a renovación xeracional e o emprendemento; así como a realización de campañas de concienciación para que os consumidores realicen as súas compras no comercio de proximidade da cidade.

Seijas tamén lembrou á alcaldesa a necesidade de reactivar a Mesa Local de Comercio e facilitar os trámites burocráticos, así como impulsar programas de promoción do produto autóctono e artesanal; de formación dos autónomos e profesionais do sector comercial; de renovación e modernización dos establecementos; melloras no urbanismo comercial e traballar no impulso do binomio turismo-comercio.

Na reunión mantida abordaron a complicada situación do comercio do centro histórico da cidade debido ás obras que se están acometendo e cuxa prolongación no tempo afecta moi negativamente ás vendas. Ademais, o presidente da Federación de Comercio pediu o apoio ao asociacionismo comercial, o apoio á transformación dixital dos negocios, e a participación en medidas lexislativas que afecten o sector; entre outras cuestións.