Skip to main content
Axenda Caducada

Radio Océano actuará no Ateneo de Monforte para pechar os actos do 25N

Por 27 Novembro, 2021Decembro 4th, 2021Sin comentarios

A banda de referencia da escena punk-rock galega, Radio Océano, dará o 4 de decembro un concerto no Ateneo de Monforte para pechar os actos conmemorativos polo 25 aniversario do pasamento do poeta monfortino Lois Pereiro.

Radio Océano foi formado na Coruña en 1981 polo irmán do poeta, Xosé Manuel Pereiro, xunto con Santiago Romero e Pablo Iglesias. A banda foi seminal na escena punk e rock en Galicia, xunto con outras como Os Resentidos e Siniestro Total.

En 2018, o selo Subterfuge editou o dobre vinilo Memorias do óxido, o que supuxo o regreso á actividade de Radio Océano. Agora dende o Ateneo inician unha xira que a banda bautizou como ‘Crowdfunding Indecente Tour’, unha chiscadela ao Filthy Lucre Tour dos Sex Pistols.

A xira é un xeito de dar a coñecer os novos temas de Radio Océano e asumir os costos de produción dun novo disco, que inclúe un tema baseado no poema de Lois Pereiro ‘Revisando os danos’.

Este concerto pecha un ano de actividades impulsadas dende o Ateneo Casino en homenaxe á vida e obra de Lois Pereiro no 25 aniversario do seu pasamento, e que tiveron repercusión por toda Galicia e mais fóra.

O concerto é o sábado 4 de decembro ás 22:00 h. Hai tres tipos de entrada colaborativa, de 5, 7 ou 10 euros. Dependo da entrada escollida, inclúese un caderno ou bolsa de Lois Pereiro, ou ambas cousas.