Skip to main content
Muras

Terras de Anarís pronúnciase en contra da autorización á mina de Silán

Por 19 Marzo, 2023Sin comentarios

O colectivo afirma que a autorización de explotación da mina de feldespato en Silán (Muras) outorgada pola Xunta de Galicia á empresa Urbas, “pon en entredito a capacidade do goberno galego para defender á veciñanza e o seu modo de vida, rendíndose a intereses privados alleos ao desenvolvemento sustentable do territorio”.

Dende a asociación Terras do Anaris “e sendo consecuentes cos compromisos adquiridos co tecido asociativo da bisbarra do Eume recollidos no Plano Estratéxico Eume 2030”, veñen de sumarse ao xa manifestado por outras entidades en relación ao proxecto de minaría a ceo aberto autorizado pola Xunta de Galicia para a parroquia de Silán en Muras.

Segundo explican Muras atesoura un dos espazos naturais mellor conservados de toda a conca fluvial do Eume e como tal “vémonos na obriga de manifestar públicamente o noso malestar pola autorización administrativa” concedida á empresa Urbas para explotar este xacemento mineiro.” Consideramos polo tanto que a implantación desta mina de feldespato tal e como foi plantexada, sen contar cun Estudo de Impacto Ambiental que avalíe os efectos que esta explotación vai ter para o lugar a curto, medio e longo prazo, dende o punto de vista do medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural, supón unha gravísima ameaza para o territorio e senta un mal precedente para outros proxectos mineiros que se pretendan desenvolver na bisbarra do Eume”, subliñan.

Terras do Anarís afirma que a implantación da mina de feldespato de Silán terá efectos moi negativos para un territorio que vive fundamentalmente da agricultura e a gandeiría. Cren que un dos impactos que pode ter máis risco para o equilibrio da actividade gandeira na zona é o da contaminación das augas. “Son moitos os casos onde unha explotación mineira provocou a contaminación dos recursos hídricos, debido ao uso de substancias químicas e á xeración de refugallos tóxicos empregados nesta actividade extractiva, o que sen dúbida xerará efectos negativos sobre a calidade da auga e a saúde das persoas e os animais”, din.

A isto suman a perda irreversible de terras de pastoreo, xa que a mina non só ocuparía unha pequena parte do monte de Silán, senón que “terá un impacto notable tamén nos núcleos de poboación circundantes, o que ocasionará graves problemas para a existencia de explotacións gandeiras na súa contorna”.

Subiñan que a mina terá un impacto negativo sobre o medio ambiente do lugar, xa que conducirá irreversiblemente á erosión do solo e a outros efectos adversos, afectando á biodiversidade e ao equilibrio ecolóxico, así como á capacidade dos gandeiros para producir alimentos de calidade.

“O aumento de poeiras e contaminantes en suspensión terá tamén efectos a medio e longo prazo na saúde dos membros da comunidade e dos animais, que se verán abocados a abandonar o seu modo de vida co consecuente desarraigo social e cultural”, engaden.

A mina a ceo aberto implica a retirada de capas de terra e rocha para acceder aos minerais ou recursos, o que dará lugar a cambios significativos na configuración da paisaxe. Afirman que isto pode incluír a creación de montañas artificiais ou lagoas, ou a modificación de ríos e outros cursos de auga naturais, modificando para sempre a paisaxe cultural da zona, nun entorno de extraordinaria beleza paisaxística en plena Serra do Xistral.

Por último dende Terras do Anaris considera que a Xunta de Galicia debe protexer o interese público e os dereitos da veciñanza de Muras por riba dos intereses privados, avaliando os impactos que terá a mina de Silán a través dun Estudo de Impacto Ambiental e tomar as medidas axeitadas para minimizar os riscos derivados da implantación desta explotación mineira.