Skip to main content
Burela

Urbaser Burela racha as negociacións do convenio colectivo en plena folga indefinida

Por 24 Maio, 2023Sin comentarios

“Dez minutos de reloxo. Isto foi o que durou a reunión prevista para esta tarde entre a representación do persoal da recollida do lixo e limpeza viaria de Burela e a concesionaria do servizo, Urbaser”, din desde a CIG-Servizos de Lugo-A Mariña. Aínda que a empresa anunciara que na tarde deste mércores trasladaría unha nova proposta económica que podería responder ás demandas sociais, ao inicio da xuntanza negouse a informar da mesma “poñendo unha escusa tan peregrina como que o persoal estaba concentrado na porta”.

“Levamos 15 días facendo concentracións diante do Concello de Burela sen ningún problema e o primeiro día que facemos unha protesta totalmente pacífica e silenciosa diante das oficinas da empresa, véñennos co conto de que así non poden negociar, que se senten coaccionados e que non nos van trasladar a proposta salarial”, explicaba secretario da CIG, Xoán Díaz, ao remate da brevísima xuntanza.

Para Díaz a reacción de Urbaser non é máis que unha escusa para bloquear as negociacións pois “facer unha concentración cando hai unha reunión coa patronal, ademais dun dereito constitucional, é unha práctica habitual para visualizar a unión do persoal nas súas reivindicacións”.

“Os traballadores non entenden que, cunha folga indefinida en marcha, a empresa se negue a trasladar a súa proposta e avanzar nun acordo para o convenio colectivo. Consideran que Urbaser só busca prolongar o conflito de maneira innecesaria no seu propio interese e por iso apelan á responsabilidade do Concello de Burela como titular do servizo para que interveña de inmediato no conflito”, engade.

Neste senso, Díaz lembra que o Concello é a administración responsable de velar polos dereitos laborais e salariais do persoal e de que se preste un servizo de calidade á cidadanía. “Pórse do lado da empresa decretando uns servizos mínimos abusivos só serve para darlle azos a Urbaser  no seu comportamento chantaxista”, asevera.

Neste contexto, o secretario da CIG-Servizos advirte que a folga continuará adiante, que se manteñen as concentracións diarias ás 11.oo horas na Casa do Concello, e que se van recorrer os servizos mínimos impostos polo Goberno local, sen descartar outro tipo de accións e medidas máis duras.