Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta acusa ao PSOE de tumbar un proxecto de axudas aprobado en Pleno

Por 18 Agosto, 2020Sin comentarios

O Grupo de Coordinación de Vilalba Aberta fixo pública a súa valoración do Pleno do pasado venres. Unha sesión extraordinaria, na que se decidía o destino de máis dun millón de euros do remanente de tesourería da anualidade de 2019 e que, a ollos da formación, “representaba o momento de maior importancia no que vai de lexislatura, logo da renuncia á presentación dunha proposta de orzamentos por parte do equipo de goberno”.

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda e a súa compañeira e tamén edil, Mª Xosé Fernández, deron, así, conta do posicionamento da formación diante da “inconcibible proposta” do Goberno Municipal que, explicaron, rexeitaron “na forma e no fondo”. Un “intolerable trágala” que, ao xuízo de Modesto Renda, supuña un “novo intento de pasar por enriba da democracia municipal” por parte dun Goberno en minoría que “non respecta o aprobado en Pleno, desprezando iniciativas de Vilalba Aberta que noutros concellos aplica o PSOE, ao tempo que a acusa de votar co PP”.

“Vilalba Aberta é a única que, diante da parálise municipal, tende a man e presenta iniciativas. Logo estas apróbanse no Pleno, o PSOE non as acata, e aínda por riba acúsanos de votar co PP. O venres votamos cos autónomos, coas familias e coas parroquias, pois a eles/as é a quen se debe e deberá sempre o noso Grupo Municipal”, remarcou.

O voceiro, que chamou a seguir facendo unha oposición “digna, en positivo e de Concello”, censurou especialmente a actitude do equipo de goberno no relativo á aprobada proposta de Programa Municipal de axudas a autónomos e Pemes de Vilalba Aberta, así como diante da outra bandeira da formación dende que pasara á oposición, isto é: a tamén aprobada en Pleno e relativa á posta en marcha dun sistema municipal de cheques á conciliación, destinados a axudar ás familias traballadoras.

Dúas iniciativas, lembrou, “referendadas polo Pleno, a iniciativa de Vilalba Aberta, logo de seren presentadas acompañadas da preceptiva memoria económica e de tramitación, e ás que o equipo de goberno non consigna partida económica, ao tempo que si lla dedica a un surrealista sistema de bonos de 30 euros, copia e pega do Concello de Monforte, publicamente criticado por autónomos e comerciantes e do que non se ten coñecemento do máis mínimo informe técnico nin proposta de bases reguladoras da tramitación.”
“Os autónomos e as familias non querían ocorrencias, querían a inmediata posta en marcha das liñas de axudas aprobadas polo Pleno, logo de meses de traballo de Vilalba Aberta”, lamentou.

UNHA CONVOCATORIA CENSURABLE NO FONDO E NA FORMA

As discrepancias económicas non foron as únicas que pesaron na posición de Vilalba Aberta. Dende a formación entenden “incomprensible” a convocatoria dunha sesión plenaria dese “calado”, tendo o Goberno Municipal coñecemento da ausencia dunha concelleira da oposición por “motivos máis que xustificados”.

Así mesmo, dende Vilalba Aberta, censurouse especialmente que, de novo, se volvera convocar un Pleno en horario laboral (9:00h). “Os grupos da oposición non contamos con liberacións nin dedicacións exclusivas e ás nove da mañá ao noso voceiro e a min tocábanos traballar”, apuntou Mº Xosé Fernández.

“Nada é casual”, censurou a este respecto Renda, “pero nunca agardei do PSOE que utilizara as mesmas tácticas do PP, no tocante a non favorecer a asistencia dos concelleiros que temos que traballar e só podemos facer política municipal fóra do noso horario laboral”.

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta denunciaron a “absoluta falta de planificación” e lamentaron que se pretenda aprobar a incorporación de remanentes pola vía rápida, sen un procedemento serio de negociación e de presentación de emendas e por medio dun Pleno convocado o día antes.

Unha mostra máis da falta de “seriedade e rigor” do equipo de goberno, ademais dun inxustificable desprezo á veciñanza que en 2019 optou por confiarlle o seu voto ás forzas que neste intre conforman a oposición municipal.

Na mesma liña, cualificaron de “gravísimo” que a menos de 24h da súa celebración, aínda non se lles facilitara a documentación de referencia, o cal, “ademais de limitar a capacidade efectiva da oposición para realizar e cumprir coa súa labor de fiscalización e control, atenta directamente contra a democracia municipal e o dereito dos veciños/as de estar informados puntualmente do que se fai co seu diñeiro.”

AUTÓNOMOS, PEMES E FAMILIAS, OS PERXUDICADOS

“Ao Goberno fixémoslle o traballo e, unha vez consignado o crédito, só tiña que que dar inicio aos expedientes” apuntou Modesto Renda, ao respecto das propostas de axudas a autónomos e familias aprobadas nos Plenos Ordinarios de Maio e Xullo, a iniciativa de Vilalba Aberta.

Neste senso, e ao tempo manifestou a súa satisfacción pola grande acollida que estas tiveron entre o conxunto da veciñanza, o voceiro de Vilalba Aberta cualificou de “ocorrencia” a proposta de bonos proposta polo Goberno Municipal, en tanto que “cortina de fume para obviar a posta en marcha do aprobado en Pleno.”

“Cando o lemos a proposta do PSOE non podiamos dar crédito: 30 euros a cada veciño e multiplicar os 30 euros polo censo. Un auténtico sen sentido froito da improvisación do decidido a última hora para non respectar o acordo plenario e unha broma de mal gusto baixo o punto de vista dos autónomos, cos que Vilalba Aberta se ven reunindo nos últimos meses e semanas”, remarcou.

“Ao noso xuízo, a intención do Goberno Municipal está clara: Anunciar un titular de 420.000 euros de inversión, isto é: o resultante de multiplicar os 30€ polo padrón; non gastar nin 3.000 – en base ao lóxico baixo número de solicitudes que haberá – e vender unha suposta axuda a autónomos e pemes, sen traballar nin se esforzar os concelleiros con dedicación” apuntou a este respecto Mº Xosé Fernández.

A este respecto dende Vilalba Aberta, lembran, comprometéronse diante da representación do comercio e a hostalería asociada a non validar en Pleno ningún sistema de bonos e similares, namentres non se cumprira co xa acordado e aprobado e se dera inicio ao procedemento preceptivo, co fin da posta en marcha das axudas a autónomos e familias, e nese sentido se pronunciaron no Pleno.

Así mesmo, dende a formación lamentaron a “inexplicable hostilidade” por parte do goberno do PSOE aos aprobados programas de axudas, por se tratar de iniciativas “de Vilalba Aberta” e que, “no seno do goberno de coalición xa trasladamos hai tres meses, caendo en saco roto”; mais tamén porque “a tramitación deste tipo de axudas require dunha dinámica de traballo e de organización e planificación da que a día de hoxe carece o Concello, froito da ineficacia na xestión interna por parte do Goberno Municipal”, remarcou a este respecto Renda.

INFRAESTRUTURAS E INVESTIMENTOS NAS PARROQUIAS

En palabras de Modesto Renda, dende Vilalba Aberta lamentouse especialmente a ausencia dunha negociación, no apartado de investimentos e infraestruturas, nomeadamente naqueles que afectaban ás parroquias.
Neste senso, o voceiro lembrou que a maioría de actuacións propostas polo goberno contan co visto da formación pois, nos máis dos casos, “trátase de reivindicacións veciñais que Vilalba Aberta recolleu ao longo das súas continuadas xuntanzas coa veciñanza do rural, a través da súa iniciativa “Rede de Parroquias”.

Con todo, dende a formación, lamentan, “houbo actuacións imprescindibles en varias parroquias que, pola incapacidade do equipo de goberno de negociar, non poderán levarse a cabo na actual anualidade.

“A obra na Frouxería, a mellora das pistas do Casal-Santaballa; Trufas-Santaballa e Vilasuso-Santaballa, así como a rexeneración de vías municipais de Árbol e Codesido ou a adquisición de maquinaria destinada á roza, formaban parte do marco de reivindicacións que nos trasladara a veciñanza; mais foron moitas as parroquias que quedaron fóra, pola negativa do Goberno Municipal a escoitar a unha formación cuxo piar fundamental son as parroquias, como é Vilalba Aberta”, remarcou Renda.