Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAMondoñedo

Xoldra de Mondoñedo: “Este ano contamos con máis grupos e variedade de estilos”

Por 29 Outubro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Xoldra é a asociación que organiza a segunda edición do Festival Breason.

Cando e como nace Xoldra?

Pois nace sobre o 1997 en Mondoñedo, nunha reunión entre amigas e amigos.

Por que ese nome tan curioso?

O nome sae dunha reunión de socias e socios fundadores nunha sala de exposicións onde agora está a oficina de turismo. Nunha tormenta de ideas o que mellor lles pareceu foi Xoldra polo seu significado festivo e ata dia de hoxe.

Con que motivación xorde?

Xorde coa motivación de ofrecer á xuventude ocio e actividades culturais, ao asociarse había oportunidade de acudir ás diferentes Administracións e así tratar de conseguir fondos e tamén gañar identidade como grupo xuvenil, a cal a dia de hoxe cremos que seguimos conservando.

Que obxectivos ten?

A asociación ten como obxectivos principais xuntar e mobilizar á mocidade mindoniense para traballar por e para a nosa cidade, xa que cremos que é un pobo con moito potencial. Grazas á participación nas diferentes actividades que imos organizando conseguimos unha cohesión interxeracional que consideramos que se dá en poucos lugares.

Quen a conforma?

A mocidade de Mondoñedo e pobos veciños que se interesen, queiran formar parte e se impliquen na medida do posible.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Dependendo da actividade que realicemos. Adoitamos contar co apoio do Concello de Mondoñedo pero tamén do resto de Administracións Públicas, nomeadamente da Deputación de Lugo.

E doutras asociacións e colectivos?

Contamos co apoio da asociación O Pasatempo de Mondoñedo en case todo o que facemos xa que temos moi boa relación e doutras asociacións locais sempre que o precisamos, tamén de persoas que, aínda sen formar parte do tecido asociativo da cidade, botan unha man sempre que o precisamos. Ademais, mantemos unha estreita relación coa asociación cultural A Rumboia de Abadín coa que compartimos algún membro e seguramente fagamos algo xuntos nun futuro. Como os nosos pobos teñen moitas cousas en común, poñemos ideas enriba da mesa e imos complementándonos, ademais de participar mutuamente en todas as actividades organizadas por unha e outra.

Que iniciativas propoñen?

Realizamos unha carreira anual en fin de ano, participamos no Entroido mindoniense, colaboramos no Mercado Medieval, tamén facemos teatro e todos os anos unha excursión anual de socias e socios. Durante a pandemia, ao limitarnos moito as restricións creamos un xogo de mesa sobre a cidade e persoas célebres e Dende o ano pasado organizamos o festival BreaSon. Ademais, tratamos de colaborar con calquera iniciativa q vaia xurdindo na zona. Moitas veces non podemos axudar todo o que nos gustaría xa que moitas das persoas que conformamos a asociación non vivimos en Mondoñedo.

Fan actividades ao longo do ano?

Si, as que mencionamos anteriormente e todos os anos intentamos engadir algunha novidade.

Que lle piden ao goberno local?

Pois normalmente pedímoslles apoio para as actividades que realizamos, tanto económico como tamén de material ou infraestrutura. Normalmente atopamos interese pola súa parte e intención de axudar, aínda que os medios non sempre sexan suficientes.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

Temos en mente organizar un evento relacionado co rap e a musica urbana en galego, para darlle visión a este estilo musical na nosa terra. Tamén estamos organizando unha cea popular para a veciñanza e unha saída aínda por programar para a limpeza dalgún espazo natural da contorna.

Estas iniciativas teñen boa aceptación entre os veciños?

Si, estamos moi contentas co apoio e coa aceptación da veciñanza mindoniense en todas as actividades que sacamos adiante. Sempre recibimos participación, felicitacións e propostas. Iso axúdanos a seguir traballando e mellorando.

Falemos do Breason. Por que ese nome?

Buscamos aportarlle entre outras cousas, son a Mondoñedo, a través do festival, que leva o nome de Brea porque así era coñecido historicamente Mondoñedo como Vilamaior de Brea ou Val de Brea.

Por que o logo é un pingüín?

O pingüín era o logo do Disco-pub A Sala, lugar de culto para calquera mindoniense. Atreveríame a dicir que a maioría dos membros da asociación, tanto actuais como antigos, pasamos moitas tardes e noites da nosa adolescencia na Sala e témoslle un cariño especial xa que non so funcionaba como local de ocio nocturno senón que tamén era un local de reunión polas tardes para xogar á Play, ao futbolín, ao billar, etc. En definitiva, é unha homenaxe ao ocio mindoniense.

Cantas edicións leva?

Pois este ano sacaremos adiante a II edición, o ano pasado celebramos a primeira con motivo do 25 aniversario da asociación.

Que novidades haberá este ano?

Pois ademais dunha maior aposta dentro do ámbito musical cun maior número de grupos e variedade de estilos, teremos espazo para a gastronomía con algunha sorpresa, actividades para as crianzas, como xogos populares e seguiremos contando co magosto da asociación O Pasatempo coa que intentamos colaborar sempre. Que non falten as castañas e a música tradicional.

Algunha actividade alternativa?

Máis alá das actuacións musicais, haberá teatro, unha cata-degustación, xogos populares e algunha sorpresa.