Skip to main content
Lugo

XuvenCiencia abre a preinscrición no Campus de Verán, que será do 2 ao 8 de xullo

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

A undécima edición do campamento de divulgación científica da USC ofrece 95 prazas para participar en 16 proxectos, ademais dun amplo programa de lecer que inclúe obradoiros de saúde emocional, artes escénicas, Desing Thinking, videocreación, cuantificación de gases e visitas culturais pola cidade de Lugo, así como a centros sanitarios e a empresas tecnolóxicas agroalimentarias.

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC mantén aberta na súa web, desde as 15.30 horas deste venres ata o 14 de maio, o prazo de preinscrición na undécima edición do Campus de Verán XuvenCiencia, un programa que se desenvolverá do 2 ao 8 de xullo na sede universitaria luguesa e que ofrece 95 prazas, en réxime de aloxamento e pensión completa, para alumnado de cuarto curso de ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional que estea interesado en tomar parte en calquera dos 16 proxectos científicos e nos múltiples obradoiros e actividades de lecer programadas.

Práctica veterinaria, sismoloxía, xenética, cociña molecular, robótica, fotosíntese artificial, análises clínicas, cultura a golpe de clic, cultivos in vitro, impresión 3D, xornalismo ou comunicación científica son algúns contidos sobre os que versarán os proxectos dispoñibles nesta undécima edición do Campus de Verán XuvenCiencia, cuxas propostas están baseadas nalgunhas das liñas de investigación punteiras que se están a desenvolver no Campus de Lugo da USC, tal e como son as relacionadas co peixe cebra para tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. De feito, a mocidade participante no XI Campus de Verán XuvenCiencia poderá escoller entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, itinerarios de divulgación científica a través dos que se achegarán ao día a día da investigación que se desenvolve no Campus Terra.

A metade das prazas ofertadas nesta edición do Campus de Verán XuvenCiencia asiganarase seguindo a orde de preinscrición, mentres que a outra metade será sorteada entre todas as persoas que teñan presentada a solicitude, a fin de garantir así a igualdade de oportunidade entre todo o estudantado a expensas do seu lugar de residencia, explica a coordinadora do grupo XuvenCiencia.

A catedrática Mercedes Novo engadiu que, do mesmo xeito que en edicións anteriores, o Campus de Verán XuvenCiencia contempla, alén de visitas a centros de investigación do Campus Terra da USC e ao hospital veterinario Rof Codina, así como ao Museo Provincial, o Arquivo Histórico Provincial e mesmo a empresas tecnolóxicas do sector agroalimentario, tales como Leite Larsa, Xenética Fontao ou Finsa, un atractivo e amplo e renovado programa lecer.

O Campus de Verán XuvenCiencia 2023 inclúe entre as súas novidades obradoiros de saúde emocional e de coidados básicos de emerxencias, impartidos desde a Escola de Enfermaría de Lugo, así como unha actividade de Desing Thinking, creatividade no ámbito do emprendemento, que estará a cargo da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Asemade, o laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) impartirá unha actividade sobre a xestión sustentable das plantacións de madeira para a construción.

Estas novas propostas engádense a outras de probado éxito, tales como son obradoiros para a cuantificación de gases de efecto invernadoiro no edificio CACTUS ou de introdución ao teatro e á danza, no ámbito das  artes escénicas, e de videocreación para a divulgación científica. A proposta escollida para as tardes de XuvenCiencia ofrece asemade visitas á Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), á Aula de Habilidades Clínicas da Facultade de Veterinaria e tamén unha exhibición sobre as tecnoloxías do futuro (robótica ou realidade aumentada, por exemplo) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.