185 lucenses recibirán cursos de condución segura no circuíto da Pastoriza co VI Volante Deputación

O Executivo Provincial organiza, en colaboración co equipo de competición PTC, e cunha achega de 17.000 euros, o VI Volante Deputación co obxectivo de fomentar o deporte base nunha modalidade con tanto arraigo na provincia como é o automobilismo.

 

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, destacou que “o evento terá dúas partes claramente diferenciadas: unha formativa e outra puramente competitiva, posto que o gañador desta nova edición do Volante Deputación terá a oportunidade de competir no XXXIX Rally San Froilán. Trátase, polo tanto, dunha iniciativa que combina deporte e formación, posibilitando ó gañador pilotar un Suzuki Swift Sport nun dos rallis con maior prestixio de Galicia”.

O organismo provincial puxo en marcha no ano 2012, en colaboración co Concello de A Pastoriza e a Escuela de Perfeccionamiento y Técnicas de Conducción (Escuela PTC), esta iniciativa na que, ademais do compoñente formativo, destaca a oportunidade que se lle brinda aos participantes de competir por unha praza no Rally San Froilán.

O prazo de inscrición estará aberto a partir do venres 1 de setembro ás nove da mañá ata o mércores 13 de setembro de 2017 ás doce da noite. A selección dos participantes, todos eles lucenses de entre 18 e 35 anos, farase por estrito orde de entrada das solicitudes que se deberán enviar ao correo electrónico piloto@ptcescuela.com cubrindo un formulario que se poderá descargar da web www.ptcescuela.com, ata cubrir as 185 prazas existentes.

Programa

Os días 16 e 17 de setembro os asistentes, despois de recibir formación en técnicas de condución, pasarán un proceso de selección cronometrado, do que resultarán elixidos 14 semifinalistas que continuarán con formación específica para afrontar unha segunda proba cronometrada, que determinará quen son os tres mellores. Destes, o mellor tempo (primeiro clasificado) será o piloto titular para participar no 39 Rally San Froilán, quedando os outros dous clasificados como pilotos suplentes.

O tres recibirán antes da celebración de dita proba unha formación específica de competición, para que tanto o titular como os suplentes poidan afrontar a proba con todas as garantías. Esta formación divídese en varios apartados con cursos no circuíto, formación en toma de notas, test na estrada, etcétera.

Rematado todo este proceso, o piloto titular e o copiloto participarán dentro da estrutura do equipo de competición de PTC Escuela no Rally San Froilán aos mandos dun Suzuki Swift Sport, con todos os gastos pagos, realizando test do vehículo de competición, adestramentos da proba e o propio rallye.

Á presentación do VI Volante Deputación acudían responsables provinciais, municipais, de PTC Escuela e familiares de Antonio Pérez Montecelo.

Á presentación do VI Volante Deputación acudían responsables provinciais, municipais, de PTC Escuela e familiares de Antonio Pérez Montecelo.

Antonio Pérez Montecelo

Á presentación, no circuíto da Pastoriza, asistía o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón;  o alcalde do Concello, Primitivo Iglesias Sierra; a Tenente de Alcalde, Elva Carrera González; o director da Escuela PTC, Antonio Solórzano e familiares de Antonio Pérez Montecelo, director de carreira da Escudaría Miño e presidente do Club de Triatlon Cidade de Lugo, que faleceu o pasado mes de xaneiro e ao que este ano, como novidade, se lle dedica a sexta edición do Volante Deputación.

Etiquetas