A Festa da Malla de Meira, a pioneira na provincia, celebra a vixésimo sexta edición o 20 de agosto

Festa da Malla de Meira.

Festa da Malla de Meira

Declarada de interese turístico galego, a Festa da Malla de Meira foi a primeira iniciativa da provincia en torno a esta temática servindo de modelo para outras moitas que agora se desenvolven baixo esta mesma temática.
Así, o domingo 20 de agosto celebrará a súa vixésimo sexta edición no centro da vila onde a organización, a cargo da asociación Amigos da Malla, reproduce un labor tradicional de forte peso no agro galego como é a malla. E faino dende que un grupo de amigos apostara por recuperar esta tradición cun gran interese dos veciños e veciñas que se achegaban á malla guiados polo son das máquinas. Ao ano seguinte, coa colaboración da cuadrilla de cazadores, a malla trasladábase ao centro da vila onde se mallara cun equipo que adquirira o Concello.

Posteriormente a propia asociación xa constituída fíxose con desgranadoras e limpadoras. Así, contan na actualidade cunha desgranadora con motor de gasoil refrixerado por auga e unha malladora que se engancha a un motor –tamén coñecida pola súa marca, Campeva-.

A xornada comezará vén cedo coa chegada á praza do trigo nun tractor antigo tras recollido noutro xornada e almacenado na propia finca en forma de medeiros. Logo, unha parte dos 80 colaboradores e colaboradoras comezan coa malla tanto á man –ao malle ou cunha escabezadora- coma á máquina –tanto de motor coma accionada pola forza humana que lograron introducir fai dúas edicións grazas a máquinas sen motor de comezos do século XX-.

Algunhas asociacións ou colectivos coma as de Trabada ou Orbazai contribúen a enriquecer a festa achegando distintas máquinas e técnicas. O procedemento continúa co paso do gran pola limpadora; mentres se constrúe tamén o palleiro. Por outra banda, outro grupo de colaboradores e colaboradoras apuran a elaboración de buñuelos que se servirán á unha do mediodía imitando os costumes das antigas mallas.

Á hora do xantar serviranse arredor de 800 racións do tradicional cocido galego que se ofrecía aos traballadores e traballadoras da malla, nesta ocasión como novidade, en prato de barro. E, á noite, haberá queimada gratuíta.
Gran cantidade de público achegarase a Meira para ver esta malla tradicional, pero a festa ofrece a veciños e visitantes outros alicientes coma a exposición de artesanía e maquinaria antiga, xogos para nenos e nenas pola tarde e xa, dende as primeiras horas do día, a ampla oferta de música tradicional de grupos como a Banda de Música de Meira, a formación Leña Verde de Pol e o grupo folclórico Os Valuros de Castro e Rei, o trío Muralla e o grupo 9 Ferreñas.

Etiquetas