Música, artesanía, deporte e cervexa artesá na contorna do Ladra co VI Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte pon en marcha a sexta edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 12 de agosto no Club Fluvial de Begonte.

A programación de día diríxese aos máis pequenos e pequenas e ás familias. A partires das doce do mediodía comezan as actividades deportivas a cargo da empresa de Begonte Non Estreses que vai ofrecer paseos en canoa pola marabillosa contorna do río Ladra ata ben entrada a tarde.

A partires da unha, a Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira comezará a demostración de fiado de lá e liño, ademais da demostración de canto e música tradicional.

A festa estará garantida durante a sesión vermú grazas ao grupo de música tradicional Son de Lugh, gracias ao programa Musiqueando pola Provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Tamén se aproveitará a ocasión para presentar a cervexa oficial do festival, a 27373, unha cervexa de trigo e laranxa, elaborada nas instalacións de cervexas Aloumiña.

Xa pola tarde, ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado, a partir das cinco, comezará o VI Aberto de Billarda e tamén, a partir das cinco e en tres sesións diferentes, o espectáculo do Mago Antón, ¿Onde está o Mago Antón?, maxia de preto con novos e vellos trucos para toda a familia, dentro do programa Música no Camiño da Xunta de Galicia.

A organización agarda “que sexa un bo día para pasar a carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades”.

Pola tarde, a partir das sete e media, abrirán o festival o grupo Ezetaerre desde A Coruña, “tres rapaces que fan rap combativo para non deixar a ninguén indiferente”. Logo teremos a agrupación Young Murajazz Big Band, pertencentes á escola de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, jazz cun repertorio variado e moderno. E para rematar, Airiños da Freba, un dos grupos revelación no panorama máis tradicional, festivos e verbeneiros, ideais para dar peche a esta sexta edición do 27373.

Castiñeiro Milenario agradece “a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte, ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións e ás empresas e organizacións colaboradoras Non Estreses, Cervexa Artesá Aloumiña, Castro & Castro. Tamén ao deseñador gráfico Marcos Vigo encargado do deseño do cartel e a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, músicos que vaian vir ao festival”. E, por suposto, queremos agradecer “a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable”.

Etiquetas