A conselleira do Medio Rural visita unha explotación equina en terreos forestais do concello de Muras

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou este martes a importancia de aproveitar os recursos propios do monte para asegurar a súa rendibilidade económica, social e ambiental, desde un enfoque multifuncional. Explicou que un deses aproveitamentos é o gandeiro (de pastos), que ten unha repercusión moi positiva tanto nas rendas dos propietarios forestais como no medio ambiente, xa que as reses constitúen un verdadeiro “desbrozador natural” que axudan, entre outras cousas, a controlar o combustible e previr así os incendios forestais.

A titular de Medio Rural fixo estas afirmacións durante a súa visita a unha explotación equina en montes do concello lugués de Muras, na que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Ademais de coñecer a explotación de cabalos en semi-liberdade, cun censo de 30 animais, a conselleira reuniuse cos responsables da comunidade de montes Tenente Xistral, na que se localiza esta actividade gandeira. A meirande parte das cabezas son de Pura Raza Galega, que Medio Rural está a impulsar e fomentar, en colaboración coas asociacións de criadores. Así, a consellería apoia a través de diferentes convenios e axudas este tipo de organizacións. Só na convocatoria de 2016 recibiron axuda un total de 22 beneficiarios, cun importe total aprobado de algo máis de 46.000 euros.

A maiores, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez asinou un convenio de colaboración coa asociación Puraga (Pura Raza Galega) para a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos desta raza equina, así como para o fomento e promoción dos seus produtos derivados. O acordo estableceuse para o período 2016-2019, cun importe total de 267.200 euros.

Puraga

A Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) é unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2005, con ámbito de actuación en todo o territorio de Galicia e sendo a encargada de xestionar o libro xenealóxico desta raza.

Os obxectivos primordiais desta asociación son preservar o patrimonio xenético para xeracións vindeiras; integrar, representar, defender e promover os intereses dos criadores desta raza e controlar o a inscrición e rexistro no libro xenealóxico.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: