A artesanía e unha marcha en bicicleta súmanse á XXVII Romaría Labrega da Chaira

A Romaría Labrega da Chaira chega á vixésimo sétima edición nos Vilares de Guitiriz o 12 e o 13 de agosto con merendas na carballeira do Cancelo.

Se o sábado abre a xornada a quinta ruta cabalar, tamén se conserva a Carreira Popular que nacía conxuntamente coa romaría. Neste caso, será preciso inscribirse a través do portal www.championchipnorte.com antes do 10 de agosto. Haberá premios para os mellores de cada categoría -catro adultas divididas en masculina e feminina e tres infantís- e agasallo conmemorativo para todos e todas as participantes.

O pregón correrá a cargo de Paloma Vázquez, xefa provincial de Turismo.

Pola tarde haberá xogos populares infantís e xincanas e carreiras de cabalos, ademais do sorteo dunha xovenca de Rubia Gallega.

A cea será de balde a base de liscos e chourizos. E co concurso de baile e unha queimada pecharase a xornada que contará coa música da orquestra La Gira e o grupo de gaitas municipal.

O domingo comezará cunha exhibición de esculturas con motoserras seguido do concurso de sega con gadaña e unha exhibición de tiro con arco. Pola tarde haberá baixada de carrilanas, exhibición de corte con hacha e de novo liscos e chourizos de balde.

A música correrá a cargo do trío Unión y Fuerza que amenizará tamén á noite a final do concurso de baile.

As principais novidades desta edición serán a mostra de artesanía e a marcha en bicicleta que se celebrará o domingo a partir das once da mañá.

Etiquetas