Balseiro destaca os beneficios para o sector forestal da provincia que suporá a reducción dos prazos para autorizar cortas de madeira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Lei de fomento de implantación empresarial introducirá modificacións para reducir os prazos de autorización de cortas de madeira, o que resultará especialmente beneficioso para esta provincia na que sector forestal ten un peso fundamental.

A citada lei busca favorecer a actividade industrial e, polo tanto, o emprego apostando por unha administración galega moderna e que dea respostas áxiles ás iniciativas que queiran saír adiante.

Neste contexto enmárcanse as modificacións que introduce na Lei de montes, relativas á tramitación das autorizacións de cortas de madeira e de aproveitamentos madeireiros, co obxectivo de reducir os tempos de espera dunha autorización de seis a dous meses como máximo. Deste xeito preténdese facilitar o traballo tanto de particulares como de empresas á hora de sacar beneficio das súas plantacións.

En concreto, modifícanse dous aspectos da lei de montes. Dunha banda, nos espazos que non estean suxeitos a unha protección especial, apóstase polo concepto de declaración responsable, que vén substituír o que ata o de agora era unha autorización ou unha comunicación previa e que tardaba entre sete e quince días, segundo o caso. Agora, será un trámite practicamente instantáneo a través da súa presentación telemática.

Doutra banda, naquelas zonas que si estean suxeitas a unha especial protección ben pola lexislación de augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural, a partir de agora os particulares ou empresas forestais só terán que contactar co departamento de Medio Rural como único interlocutor para solicitar estes permisos. Será a propia consellería a que solicite os perceptivos informes á administración responsable en cada caso e autorice a continuación a actuación.

Simplificación burocrática

Así, traballarase cunha “xanela única”, unha simplificación burocrática que fará menos complicada a actividade do sector forestal ao tempo que supón un aforro para os particulares e compañías cando queiran realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos.

Calcúlase que neste último caso, autorizacións que podían tardar ata seis meses, segundo a administración implicada, reduciranse a dous meses como máximo: un para a recepción do informe correspondente e outro para ditar a autorización final.

Cómpre destacar que ningunha destas modificacións supoñen unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, xa que se conta co informe do órgano competencial. Moi ao contrario, lógrase a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorizacións de aproveitamentos forestais.

Etiquetas