Emma Pedreira gaña o XLIII Certame Literario de Vilalba

A escritora coruñesa Emma Pedreira Lombardía resultaba gañadora do XLIII Premio de Poesía do Certame Literario co poemario presentado baixo o lema “Antídoto”.

Así o daba a coñecer o luns 21 de agosto o xurado integrado por Darío Villanueva, presidente da Real Academia Española; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; e Fidel Fernán-Vello, director de Radio Principal-Vilalba e Monforte, José Antonio Pita Paz, concelleiro de Cultura do Concello de Vilalba; xunto a Xulio Xiz, escritor e xornalista que actua como secretario.

Os finalistas entre as 56 obras recibidas este ano no que a entidade convocante, o Concello de Vilalba, decidía incrementar a dotación do premio ata os 7.000 euros foron os poemarios presentados baixo os lemas “Cale a laverca”, “Retrotopía” e “Cantar de Cortegada”, ademais da obra gañadora.

Emma Pedreira recibirá o mércores 30 de agosto no día da clausura desta edición do certame un diploma, unha flor natural e 7.000 euros.

Emma Pedreira
Emma Pedreira (A Coruña, 1978), licenciada en Filoloxía, é unha poeta encadrada na Xeración dos 90. Como poeta publicou Diario bautismal dunha anarquista morta, (1999, Premio Johán Carballeira), Grimorio (2000, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón), Corpo (2001, Premio Faustino Rey Romero), As posturas do día (2001), Velenarias (2001, Premio Johán Carballeira), Os cadernos d’amor e os velenos (2002, Premio Johán Carballeira), Casa de orfas (2006, Premio Fiz Vergara Vilariño), Xoguetes póstumos (2010), Antítese da ruína (2011, IX Premio de poesía Novacaixagalicia), Libro das mentiras (2012, Certame de poesía Concello de Carral) e s/t (Xerais, 2015, Premio Gonzalo López Abente).

Recentemente proclamábase gañadora do Premio Narrativas Quentes no 2016, por Corazón e demais tripas e do premio internacional Jovellanos. El mejor poema del mundo no 2017 por Lista da compra da viúva.

Etiquetas