Marionetas Trécola achega ‘O agasallo de Anya’ a Castro

Marionetas Trécola interpretando 'O agasallo de Anya'.

Marionetas Trécola interpretando ‘O agasallo de Anya’.

Ero Vázquez Cabrera e Isa García Coldeira están á fronte da compañía polense Marionetas Trécola que representará a súa última creación baseada na novela infantil O agasallo de Anya escrita por Sabela Núñez Singala o mércores 23 de agosto no Centro Cultural de Castro Ribeiras de Lea a partir das oito do serán con entrada de balde.

A peza, dirixida a un público familiar a partir de cinco anos, recolle a historia de Anya e Xiana, dúas nenas que viven separadas por catro mil quilómetros, pero unidas por todo o demais.

“Trasmítennos a idea de que non é difícil axudar ou facer felices a outras persoas, de que todxs podemos facer algo por mellorar tanto as nosas vidas como as dos demáis… cun pouquiño de empatía, cun pouquiño menos de egoísmo e egocentrismo… Trasmítenos que o mellor agasallo é o que se dá de corazón”. A súa representación contará con marionetas de distintas técnicas de manexo dentro dunha escenografía en continuo cambio.

Como compañía familiar, “ata agora sempre cumprimos as distintas labores en canto á creación e representación dos nosos espectáculos”. Pero, “nesta ocasión contamos coa axuda da Chintofanería Artesanía e Fábrica de Emociones para a escenografía, Paloma Lugilde que se encargou da dramaturxia e Isabel Rey que leva a dirección”.

Marionetas Trécola: a compañía
Marionetas Trécola “somos unha compañía familiar, non buscamos ser unha gran empresa de fabricación de espectáculos. Dedicámonos profesionalmente ao teatro de marionetas porque nos gusta crear historias, personaxes que as representen, espazos nos que suceden as historias e vivilas nós tamén dalgunha maneira. Mesturamos a artesanía coas artes escénicas”.

Aínda que tamén fan títere tradicional, procuran autoproducir obras teatrais nas que as marionetas son as actrices ou actores, teatro de obxectos, etc.

Nestes últimos anos os espectáculos máis representados foron a “Traxicomedia de Calixto e Celestino”, “Lolo e a Ratoa” e “As tres Raíñas Magas” como creacións propias. Pero hai outra obra que continúa a representarse, “The Piccole Theatre”, que xa existía antes de que nós nos fixeramos cargo da compañía. Tivemos que restaurar algunhas marionetas; posto que xa actuaban no “Teatriño de Feiras” de 1981 e engadir outras novas”.

Etiquetas