Anxo Lamas e Agustín Fernández Paz reciben as “navallas do Manuel” deste 2017

Cada 8 de setembro, a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos celebran a “Memoria da Chaira enteira” dedicada a espallar a vida e a obra do poeta e a visualizar os vencellos que foi creando con mulleres e homes do noso pobo.

Neste ano serán entregadas as navallas do Manuel ao creador de Bazar de Castro de Rei, Anxo Lamas, e ao escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, a título póstumo. Dous creadores que veñen ser celebrados neste ano por estes colectivos. A Agustín dedicáronlle a Festa da Fala, o San Alberte ao que el acudeu de neno, e o Festival de Pardiñas, en concreto a revista e o pregón de Fina Casalderrey, e están a agradecer a Anxo Lamas a súa doazón da colleita de pintura: “Imaxes e Palabras” coa que están a percorrer o país: Lugo, A Coruña, O Carballiño… e, proximamente, Sada.

Coma en anos anteriores os organizadores entregan dúas estampas dedicadas a Manuel María e, neste ano, a Anxo Lamas e Agustín Fernández Paz. Os textos son de Mero Iglesias e a obra plástica de María Guerrero e Valdi.

A xornada contará con música e poesía principiando en Penas de Rodas, de seguido no cemiterio de Outeiro de Rei para rematar no Campo de Santa Sabela con recitado dos versos de Manuel María e cantautores coma Quintas Canella, Miro Casabella, Antón Vicente e Mini e Mero, entre outros.