Amigos da Feira celebran unha nova Festa da Malla o domingo 27 de agosto

Amigos da Feira representa en Castro de Rei os labores da malla tradicional. Se o sábado 29 comezaban coa sega de 6.000 metros cadrados de trigo ao fouciño que atan á man, o domingo 6 de agosto reuniranse outra trintena de persoas para facer a meda no Campo da Feira.

 

Festa da Malla en Castro de Rei.

Festa da Malla en Castro de Rei.

Xa a finais de mes, o domingo 27 de agosto teñen previsto realizar a malla a partir das dez e media da mañá ata rematar, previsiblemente, ás dúas do mediodía para o xantar servido por outra trintena de persoas colaboradoras. A xornada rematará cunha festa animada por un dúo musical.

Pero, o traballo da asociación comeza xa en outubro do ano anterior coa preparación da terra para a sementeira do trigo no mes de decembro. Despois os membros da asociación coidan o cereal agardando o momento da súa recollida.

A asociación, que conta con 180 socios e socias da parroquia e doutros lindeiras, porá á venda as tarxetas para o xantar o luns 7 de agosto ata o martes 25 nos establecementos colaboradores. O seu prezo será de 10 euros polos que se inclúe empanada, cachola, sardiñas e queixo con marmelo. A pasada edición desta festa contaba con 600 persoas para o xantar.

E, ademais da Festa da Malla, o colectivo organiza outras actividades ao longo do ano. A vindeira cita será unha xornada micolóxica no outono. Tamén organizarán a cabalgata por Reis, impulsan unha convocatoria para realizar a Ruta do Azúmara entre maio e xuño e a organización do Lume Novo na Noite de San Xoán.

Etiquetas