Comeza a rodaxe do documental ‘O Armeiro de Berulfe. A memoria retratada’

Rodaxe do documental 'O Armeiro de Berulfe. A memoria retratada'.

Rodaxe do documental ‘O Armeiro de Berulfe. A memoria retratada’.

Comeza a rodaxe do segundo proxecto audiovisual da asociación ‘Os Vilares, lareira de soños’ que continuará nas vindeiro semanas.

Tralo éxito do primeiro, ‘Entrar aos Vilares’ (finalista da #12MICE) dirixida por Cibrán Tenreiro que segue a percorrer Galiza, este segundo documental adéntrase nunha época a través da figura do fotógrafo ambulante e polifacético José Lobeiras Gómez ‘O Armeiro de Berulfe’ que foi, ademais de retratista coñecido na comarca chairega de boa parte do século pasado, un home de numerosos ofícios, como zoqueiro, ferreiro, sacamoas, barbeiro, xoieiro, iluminador de festas con peteománs, ebanista, o primeiro en poñer canalóns de cinc na zona, curandeiro, piloto e armeiro.
Os seus retratos de numerosas actividades deses tempos e as testemuñas de coñecidos serán o fío condutor deste novo traballo, dirixindo por Antón de Guizán e Luís de Fabete e coa colaboración de Moncho Fuentes (fotografía), Sandra Tenreiro (música), Maria Blanco (montaxe) e o asesoramento e supervisión de Cibrán Tenreiro (director de Entrar aos Vilares) e Bruno Pena (director de A Chave de Bascuas).
Imaxes de bautizos, vodas, enterros e mortos, feiras, postais, militares, nenos, mozas, festas e reunións familiares, retratos… Lembranzas de familia e veciños, lugares vinculados ao Armeiro serán o “collage” audiovisual deste documentario que busca recuperar a figura deste “Leonardo” rural e a “memoria retratada” dun tempo a través da mirada do Armeiro de Berulfe, o fotógrafo ambulante republicano dos Vilares de Díaz Castro ao que tamén retratou.
Con este filme, que será estreado a comezos do próximo ano, desenvolverase unha exposición e unha publicación sobre o seu traballo fotográfico.

Etiquetas