O PP pedirá no vindeiro Pleno que o PSOE se posicione sobre o respecto ao proceso de selección do persoal de Suplusa, paralizado desde o ano 2015

O Grupo Provincial do PP presentará unha iniciativa para o seu debate no vindeiro Pleno que celebre a Corporación provincial para pedirlle ao Goberno do PSOE que se posicione sobre o respecto ao proceso de selección do persoal de Suplusa destinado a atender as residencias de maiores, paralizado desde o ano 2015.

Os populares insisten nesta petición logo de que os propios traballadores que pasaron o proceso selectivo -constituídos en plataforma- demandaran explicacións á Deputación, así como unha solución que lles permita ocupar os postos para os que foron seleccionados hai xa máis de dous anos. A selección da plantilla para as residencias da Deputación fíxose no ano 2015 no que se convocaron prazas de gobernanza, traballador social, técnico, oficial de mantemento, xerocultor, cociñeiro, condutor e limpador.

Inscrición no RUEPSS
Ademais de interesarse polo futuro destes profesionais, desde o PP piden explicacións tamén sobre o motivo polo que a Deputación non formalizou a inscrición da entidade no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), pese a ser o paso previo e imprescindible para que a apertura das residencias poida ser efectiva. Desde o PP reclamarán axilidade ante a parálise na que o PSOE mantén á Sociedade Urbanística e ante a falta de resposta aos traballadores seleccionados para cubrir as prazas nas residencias

Un engano aos traballadores e aos maiores
Os populares amosan a súa fonda preocupación tanto pola ineficacia que está a mostrar o Goberno socialista como pola situación dos traballadores que están á espera dunha praza para traballar e nada saben. “Lamentamos que sigan a xogar coas persoas e co seu medio de vida creando falsas expectativas cando estabamos ás portas dunhas eleccións, o que demostrou ser un engano”, replican desde o PP.

Tamén censuran o uso político que a Deputación está a facer dos maiores da provincia comprometendo uns centros que seguen sen estar en funcionamento, moitos deles rematados xa, que vén como as súas instalacións se deterioran incluso antes de abrir”.

“Maiores e traballadores son empregados como arma política dun Goberno sen rumbo, pouco traballador e máis centrado nos problemas do seu partido que en dar unha solucións ás demandas dos veciños e veciñas”, indican.

Un presidente que incumpre a súa palabra
Desde o PP sinalan que os pasos que están a dar pretenden “exclusivamente desbloquear a apertura das residencias na provincia”. Lamentan que o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, estea a incumprir a súa palabra posto que tiña que ter convocado un consello de Suplusa para iniciar o cambio da presidencia da Xunta Xeral e do Consello de Administración, como el mesmo votou o 30 de maio “ante a parálise que atravesa a sociedade”.

A demora na convocatoria evidencia o incumprimento da palabra do presidente, quen desobedece o que el mesmo propón e vota, condenando aos lucenses a permanecer sen un servizo que resulta esencial para a provincia.

Etiquetas