A Xunta destina 57.000 euros ás agrupacións de Protección Civil de 31 municipios da provincia para a compra de equipamento

A Xunta destina 57.155 euros a 31 agrupacións de voluntarios de protección civil da provincia para colaborar na compra de equipamento e outros gastos correntes que posibilitan o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil do Goberno autonómico.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia,  Administracións Públicas e Xustiza ven de resolver a orde de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos, na que entran por primeira vez as agrupacións de Cervantes e Trabada, constituídas este mesmo ano.

Estas subvencións poden ser destinadas á compra de diverso equipamento, como  vestimenta, elementos de protección e material informático e de comunicacións, así como a costear gastos ocasionados durante as actuacións, gastos de mantemento ou alugamento da base e medios de intervención, ou seguros do persoal e outros.

Balseiro subliñou que a Xunta traballa pola potenciación das agrupacións de voluntarios de protección civil, procurándolles vehículos e outras dotacións e tamén ofrecendo formación para os voluntarios.

Así, destacou que o Goberno galego está a realizar “un importante investimento na compra de equipamento de emerxencias, que intensificou no ano 2015 e terá continuidade ata o 2020”. Deste xeito, explicou, as agrupacións de Lugo recibiron 21 vehículos todoterreo; 8 furgóns para transporte e loxística; 13 remolques para a atención ás emerxencias; 7 embarcacións  pneumáticas de salvamento e rescate; 10 esparexedores de sal, un remolque con carpa presurizadas para Posto de Mando Avanzado, un remolque de salvamento, 3 coitelas quitaneves e 4 equipos de rescate en vehículos -este último material a concellos con GES-.

Así mesmo, neste primeiro semestre do ano organizáronse na provincia oito cursos de formación dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, que sumaron en total 160 prazas.