Skip to main content
Actualidade

O DOG publica o Decreto de creación da Axencia Galega da Industria Forestal que impulsará a competitividade do sector

Por 29 Agosto, 2017Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o decreto polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos. O novo organismo, adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten por obxectivo impulsar a actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal.

A publicación do decreto, que entrará en vigor o vindeiro 26 de setembro, é o paso previo para a constitución da axencia que traballará para consolidar o forestal como sector estratéxico da economía galega a través do incremento do valor dos produtos intermedio e final da cadea forestal, do fomento do emprego de calidade mediante a incorporación de persoal cualificado, do impulso da innovación tecnolóxica e da presencia en novos mercados.

Coa creación deste novo organismo, previsto xa na Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, dáse resposta ás necesidades trasladadas polo sector forestal galego, que factura ao redor de 2000 millóns de euros, que está composto por 3000 empresas e que emprega, de forma directa e indirecta, a máis de 80.000 persoas.

Os órganos de goberno da Axencia Galega da Industria Forestal serán a presidencia, que exercerá o titular de Economía, Emprego e Industria, e o Consello Reitor, que se prevé constituír no mes de setembro. Posteriormente nomearase á persoa que asumirá a dirección do organismo.

As actuacións da axencia irán destinadas ás pequenas e medianas empresas que conforman a cadea forestal, e que pertencen a subsectores como a explotación forestal, na que se inclúen traballos de corta, de silvicultura e comercialización de madeira en bruto; a primeira transformación, á que se dedican sobre todo os serradoiros; e a segunda transformación, da que forman parte os traballos de carpintería e mobles, madeira tratada e elaborada, fabricación de portas e ventás, embalaxes e industrial, entre outros.
A Axencia Galega da Industria Forestal baseará as súas actuacións na colaboración participativa, e será o interlocutor da Administración ante os axentes económicos vinculados a esta industria para impulsar o sector cara aos seus retos de futuro, facéndoo máis competitivo a través da innovación e a diversificación, favorecendo a transferencia de coñecemento entre empresas e centros públicos de investigación forestal e mellorando a cualificación dos profesionais que traballan neste sector.

Así, entre as súas competencias e funcións, están a de fomentar e desenvolver programas de asesoramento e de actividades científicas centradas no ámbito forestal, participar en institucións e foros nacionais e internacionais para a consecución dos seus fins, ou organizar programas de formación e reciclaxe profesional neste ámbito.

Tamén impulsará a nova axencia a colaboración con centros de investigación públicos nas diferentes materias que o sector forestal traslade á Administración por consideralas do seu interese. Ademais, xestionará subvencións nos asuntos da súa competencia, e deseñará estratexias e programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á innovación e a biotecnoloxía forestal.

O novo organismo tamén se encargará de promover e apoiar o crecemento de novas empresas de aproveitamento e transformación de produtos do monte destinados á industria forestal no medio rural, incidindo especialmente na segunda e seguintes fases de transformación industrial do recurso, por ser as que proporcionan un maior valor engadido ao produto e reportan maiores beneficios globais.

Do mesmo xeito, desenvolveranse programas específicos para poñer en valor os produtos da industria forestal que faciliten a súa integración con empresas de deseño especializadas, ao tempo que se poñerá en marcha unha marca colectiva única que facilite a integración das diversas actividades produtivas da industria forestal: materia prima, deseño, industrialización e comercialización.