Skip to main content
A PastorizaActualidade

Rede Eusumo e AGACA imparten na Pastoriza un obradoiro de Comunicación nas cooperativas

Por 29 Agosto, 2017Sin comentarios

A cooperativa Terras do Miño (Bretoña, A Pastoriza) acolleu este martes un dos obradoiros do ciclo sobre “Comunicación nas cooperativas” organizado pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) dentro da Rede Eusumo para a promoción da economía social  e o emprendemento.

O obxectivo da actividade, na que participaron persoas vinculadas ao traballo diario e a administración da cooperativa, é mostrar a importancia da comunicación nas relacións laborais e expoñer maneiras de mellorar os procesos de transmisión de información na cooperativa para contribuír a que logre os seus obxectivos sociais e de negocio.

Cuestións como as linguaxes verbal e non verbal, a expresión corporal, a escoita activa ou a influencia do estado de ánimo do comunicador na súa mensaxe abriron a xornada, impartida por unha técnica de Agaca especializada en coaching.

Mostrou ademais modos de lograr un clima de empatía no proceso comunicativo, para que falante e oínte se comprendan efectivamente, así como diversos métodos para falar en público.

Rede Eusumo

Asesoramento, orientación, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal definen a rede transversal de colaboración Eusumo, nacida no 2011 co impulso da Consellería de Economía, Emprego e Industria.