A Xunta publica cinco licitacións de solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas en avións non tripulados que melloren os servizos públicos

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica este mércores 30 de agosto as cinco primeiras licitacións para a compra de solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de vehículos aéreos non tripulados para mellorar a prestación de determinados servizos públicos. O importe total das contratacións, que se licitan a través da modalidade de Compra Pública Innovadora, ascende a 7.250.000 euros. Poderán presentarse entidades ou consorcios ata o vindeiro 27 de setembro. Os pregos están dispoñibles xa nas webs de GAIN e da Civil UAVs Initiative. Ademais, está previsto celebrar unha xornada a mediados de setembro para explicar os pregos e facilitar a colaboración entre as entidades interesadas en participar.

Estas contratacións enmárcanse no contexto do Polo Tecnolóxico e Industrial de avións non tripulados de Rozas e están financiadas con cargo a un convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, cofinanciado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O seu contido é resultado dun proceso de consultas ao mercado que durou máis dun ano e no que interviron máis de 200 entidades (entre empresas, centros tecnolóxicos, centros de investigación e as consellerías da Xunta de Galicia).

Solucións para mellorar a prestación de determinados servizos públicos
En concreto, as solucións que se licitan son: un xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAVs; a adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados; o seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados; o reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento da súa actividade mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados e a automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados.

A primeira das licitacións (xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAVs), por importe de 450.000 euros, ten por obxecto o desenvolvemento dunha plataforma para a xestión integral dos datos xeorreferenciados, co fin de ser accesibles de xeito sinxelo polos distintos usuarios de aplicacións de produción de información xeográfica. A segunda licitación (adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados), por importe de 1,5 millóns de euros, está relacionada coa primeira. Persegue o deseño, desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita a elaboración e edición de bases topográficas e cartográficas a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos, aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución permitirá acceder dun xeito rápido e sinxelo a esta información e dispor dunha capacidade de busca de información de alta eficiencia para o seu uso, por exemplo, na planificación de infraestruturas, na planificación hidrolóxica, no inventario e catalogación de bens culturais, etc.

A terceira contratación (seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados), por importe de 1,3 millóns de euros, busca unha solución que permita a elaboración de información sobre coberturas e usos do solo, así como un conxunto de ferramentas de apoio á planificación territorial a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos aéreos, náuticos e terrestres. Esta solución permitirá optimizar a elaboración de instrumentos de ordenación urbanística e territorial, o control da legalidade urbanística, a planificación de áreas empresariais, a planificación agraria, entre outros usos.

No tocante á cuarta licitación (reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento da súa actividade mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados), que ascende a 1,5 millóns de euros, ten por obxectivo o desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita dotar aos organismos da Administración galega responsables do control da frota pesqueira, dun servizo mellorado que dea resposta, de xeito conxunto, a dúas necesidades: mellora da seguridade mediante un sistema de monitorización continua, e seguimento da actividade pesqueira e do cumprimento das condicións de traballo da frota.

Por último, a quinta licitación (automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados), por importe de 2,5 millóns de euros, ten por obxecto o deseño, desenvolvemento e posta en operación dunha solución que permita dotar aos organismos da Administración galega responsables do control das distintas masas de auga, dun servizo mellorado de mostraxe e recollida de datos, baseados nas novas tecnoloxías e no uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos, cun triple obxectivo: abaratar os custos de monitorización da calidade das augas; a mellora da periodicidade da toma de mostras e datos; e incrementar significativamente as posibilidades de realizar as actividades de control nas augas marítimas en condicións meteorolóxicas adversas.

Etiquetas