Skip to main content
Actualidade

A Xunta ultima o operativo especial para garantir o correcto funcionamento do transporte escolar de uso compartido co inicio do curso

Por 30 Agosto, 2017Sin comentarios

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, xunto con técnicos de ambos os departamentos, mantiveron hoxe un encontro de traballo para ultimar o operativo especial para garantir o correcto funcionamento do transporte escolar de uso compartido no inicio do curso, o próximo día 11 de setembro.

Esta nova modalidade, que forma parte do Plan de transporte público de Galicia, implantarase en aproximadamente o 10% das rutas escolares, que manterán intactas as paradas, os percorridos e os horarios do alumnado.

Nesta reunión coordináronse actuacións que se van desenvolver, como o reforzo de información aos centros educativos, a celebración de xuntanzas específicas co persoal dos centros e coas asociacións de pais e nais de alumnos para informalos de todo o proceso de implantación, a distribución das instrucións para os acompañantes, as reunións coas empresas e a intensificación das inspeccións no servizos de transporte escolar. Tamén se abordou a introdución de elementos identificativos nos autobuses, para que todos os usuarios poidan recoñecer, nunha simple ollada, que se trata dun servizo de uso compartido.

Vázquez Mourelle subliñou que se está a traballar para que o transporte escolar de uso compartido achegue novas vantaxes para os escolares, que son o primeiro, polo que a súa atención está blindada ao manter intactos os itinerarios e os horarios de saída e de chegada aos centros escolares. Ademais, engadiu que o plan inclúe garantías máis elevadas que as previstas pola lei, incrementando o número de acompañantes escolares nun 60% e asegurando a súa presenza en todas as rutas de transporte compartido, no entorno de 600 rutas.

A titular de Infraestruturas salientou que esta modalidade tamén favorecerá a mobilidade dos veciños do rural, xa que ao aproveitar o uso das prazas vacantes dos autobuses escolares posibilítase que a poboación rural, a xente maior, vexa multiplicadas as súas opcións de desprazamento.

Con este servizo os veciños do rural veranse beneficiados de todas as garantías que ofrece o transporte escolar, a través de autobuses máis novos, cinturóns de seguridade, maior intensidade de inspeccións e unha redución significativa nas tarifas, que para estes casos de curto percorrido teñen unha tarifa única de 1,40 euros.

Ethel Vázquez destacou que este sistema está a funcionar con éxito noutras comunidades e prevese que con este o transporte estea mellor adaptado ás necesidades reais da xente, principalmente dos veciños do rural de Galicia.

Cómpre lembrar que o pasado 8 de agosto entrou en funcionamento o Plan de transporte público, que ten evitado que boa parte de Galicia quedase sen transporte, tras as renuncias de determinadas empresas a seguir coa prestación do servizo. Co inicio do curso escolar tamén arrancará a nova modalidade de transporte de uso compartido, nesta primeira fase do plan, en preto dun 10% das liñas de transporte escolar de Galicia, fundamentalmente das provincias de Ourense e de Lugo.