Ángeles Vázquez anuncia a creación dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anuncia a convocatoria dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca que recoñecerán a excelencia do seu proceso produtivo. Fíxoo durante a súa visita a unha explotación de vacún de Santiso, integrada no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi).

Precisamente son as granxas inscritas neste rexistro as que poden optar a este novo galardón promovido pola Xunta en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal). “Decidimos crear este premio pola enorme relevancia económica, social e mesmo medioambiental e cultural que o leite ten na nosa comunidade”, sinalou a Ángeles Vázquez, mentres coñecía as instalacións de Miguel Salgado que conta cun censo de 84 animais. Ademais, a granxa está integrada na Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Melisanto. Na visita a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, así como polo alcalde do concello, Manuel Adán.

Segundo se sinala nas bases reguladoras deste novo recoñecemento, publicadas onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), as explotacións leiteiras representan o auténtico motor de moitas bisbarras rurais, pola xeración de emprego e demanda de bens e servizos especializados que xeran. Así, a Consellería do Medio Rural decidiu recoñecer a aqueles gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite cru que producen.

Condicións
Ángeles Vázquez explicou que o Ligal colaborará na selección das explotacións en base á información existente nas súas bases de datos. Na actualidade hai 4.905 explotacións están en disposición de usar o distintivo Galega 100% por cumprir cos requisitos de excelencia esixidos no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Estes premios distinguirán ás explotacións en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdividiranse cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo ou extensivo). Recoñeceranse tamén especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Ligal, de tal xeito que consten na base de datos deste laboratorio os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Recaldi e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas que se detallan na convocatoria.

Deste xeito, sinalou a titular do departamento autonómico, pretendemos fortalecer a imaxe de calidade que ten o sector leiteiro galego, polo que tanto se ten traballado. “Trátase, dunha banda, de agradecer dalgún xeito o labor daqueles gandeiros máis implicados co bo facer e, doutra banda, contribuír á promoción dun produto clave para Galicia”, concluíu Ángeles Vazquez.

Etiquetas