O segundo día grande das festas honra a Santa María e achega música ao Hospital Asilo

Se San Ramón é o patrón de Vilalba, Santa María é a patroa. E cada 1 de setembro vilalbeses, vilalbesas e visitantes hónrana con diversos actos.

A primeira hora da mañá, para espertar aos menos madrugadores, as agrupacións AC de Andrade e Buxos Verdes percorrerán as rúas poñendo música á xornada a partir das dez e media da mañá. Tamén participarán os cabezudos animando aos veciños e veciñas e visitantes.

De novo ás doce do mediodía a igrexa de Santa María acollerá unha misa solemne na honra a Santa María cantada, nesta ocasión, pola coral Luar.

A música da AC de Andrade e Buxos Verdes acompañará a procesión presidida polas raíñas e damas de honra, autoridades e comisión de festas.

Xa cara ás dúas do mediodía a orquestra Ibiza amenizará a sesión vermú.

Animación no Hospital Asilo
Pola tarde, o Hospital Asilo de Vilalba organiza as actuacións de Rodesindo da Barrosa e a Rondalla das Pontes coa colaboración do Concello e a comisión de festas. Así, a partir das cinco e media da tarde os usuarios e usuarias da residencia de maiores disfrutarán tamén das festas patronais. A xornada rematará coa visita, a partir das sete da tarde, das raíñas, damas de honra e autoridades á residencia.

Concerto da Banda de Música de Tauste
E de volta á praza da Constitución, de novo a música de banda ocupará unha parte destacada no programa das festas de Vilalba coa participación da Banda de Música de Tauste (Zaragoza). De igual xeito que a agrupación local o día de San Ramón, esta banda convidada ofrecerá un gran concerto a partir das oito do serán no templete.

E o día da patroa da capital chairega rematará coa verbena a cargo das orquestras Ibiza e Cinema a partir das dez e media da noite.

Etiquetas