Skip to main content
Actualidade

FRUGA demanda a proba de contraste nos protocolos de saneamento gandeiro

Por 1 Setembro, 2017Sin comentarios

As probas de saneamento gandeiro, véñense realizando en Galiza, desde hai máis de 30 anos, sendo totalmente necesarias para conseguir unha cabana gandeira, libre de enfermidades como a Tuberculose, Leucose ou Brucelose.

Despois de tantos anos con estas probas estanse a conseguir importantes avances no proceso de erradicación da enfermidade, sendo cada vez menos o número de animais infectados polas distintas enfermidades controladas nestas campañas de saneamento.

Con todo, dende a Federación Rural Galega – FRUGA indican que “nos últimos anos, producíronse cambios importantes nos protocolos de actuación sanitaria, especialmente no que respecta á detención da tuberculose bovina, producíndose un importante número de sacrificios, que na maior parte dos casos, non son animais enfermos”.

FRUGA considera que “ningún gandeiro se vai opor a que lle sacrifiquen os animais infectados, máis o que si nos parece un despropósito é que se estean a sacrificar un importante número de animais que despois nas probas postmorten realizadas no matadoiro non se lles atopen ningún indicio de padecer a tuberculose bovina. É dicir, estanse a matar moitos animais sans”.

“Existen moitas ganderías que durante moitos anos levan facendo o saneamento gandeiro sen que se lles detectara a presenza de ningún animal contaxiado de tuberculose bovina e nas que agora aparecen animais aparentemente infectados, o que resulta bastante inexplicábel. Na maioría dos casos estas vacas cando son sacrificadas resulta que non teñen ningún síntoma da enfermidade. A estas ganderías non se lles permite facer unha mostra de contraste, que detecte con maior precisión o estado do animal obrigando a optar polo sacrificio”.

Desde a Federación Rural Galega demandan, pois, “un cambio no que respecta os protocolos de actuación, máis efectivo e que impida que animais sans sexan sacrificados. Igualmente, a consellería do Medio Rural, debe optar de forma clara e concisa, por facer probas de contraste a tódalas explotacións que se lles detecte un animal dubidoso, e non facer soamente as probas de contraste nalgúns casos concretos”.

Igualmente cren que “todos estes animais que unha vez sacrificados chegan o matadoiro e non son positivos deben ser indemnizados debidamente porque estamos a falar dun saneamento gandeiro non dun matavacas”.