O Goberno da Deputación permite en Guitiriz melloras de 110.000 euros no polígono industrial

A alcaldesa de Guitiriz e o presidenta da Deputación na zona das obras de construción do depósito de augas residuais do polígono.

A alcaldesa de Guitiriz e o presidente da Deputación na zona das obras de construción do depósito de augas residuais do polígono.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, asinaron este martes un convenio de colaboración, que permite a posta en marcha de melloras de 110.000 euros no polígono industrial das Pardiñas. Faino grazas á achega económica de 26.000 euros que fai o Goberno da Deputación e que necesitaba o Concello para garantir dúas subvencións de concorrencia competitiva por valor de 84.000 euros, que a Alcaldesa conseguiu captar da Consellería de Industria. Estas solicitounas en abril e fóronlle notificadas de xeito oficial en agosto, 15 días despois de que o voceiro municipal do PP llo comunicase verbalmente. A súa concesión viña aparellada a un estrito requisito: a xustificación, e polo tanto previa execución, dos traballos nun tempo récord de 3 meses. Todo isto cando o orzamento outorgado non era o suficiente para a realización das obras nin para a adquisición dos terreos. A rexedora trasladou esta situación a Campos, que respostou “de xeito áxil e defendendo o municipalismo, pois, como alcaldesa que é, coñece as dificultades que dende outras administracións nos interpoñen aos Concellos”.

Así o apuntou a rexedora, engadindo que “quero dar ás grazas ao Goberno da Deputación e, especialmente ao seu Presidente, por atender as demandas dos veciños e facer posible este proxecto, pois sen a achega provincial non poderíamos executar estas obras tan necesarias para o noso municipio. Tendo en conta que a Consellería establece un prazo máximo de xustificación de 3 meses, e sabendo que non dispomos de fondos municipais para asumir o custo total destes traballos, é evidente que dende este departamento da Xunta de Galicia buscaban que renunciásemos ás axudas”.

Campos Conde subliñou que “dende o Goberno da Deputación o que buscamos e mellorar os servizos públicos que dende os Concellos ofrecemos aos veciños co fin de mellorar a súa calidade de vida”. Neste senso, o Presidente subliñou que “as administracións estamos para ser útiles aos veciños e non para poñer paus nas rodas”.

Pleno
Hoxe mesmo, a alcaldesa convocou un Pleno Extraordinario para aprobar os proxectos que se levaron a cabo no polígono das Pardiñas e comezar os procesos de contratación dos mesmos. As obras consisten na dotación dunha depuradora de augas pluviais. Esta situarase nunha finca anexa a dita área industrial, que se adquire cos fondos que achegou o Executivo da Deputación. (Hoxe Campos e Polín supervisaron estes terreos). Tamén se mellorará o alumeado público coa reposición integral de todas as luminarias, que serán de baixo consumo para a redución de custos.

Ambos os dous proxectos, que a Alcaldesa presentou para optar ás axudas de concorrencia competitiva da Consellería de Industria, están dotados de 110.000 euros. Desta cantidade, o Concello achega os 84.000 euros que finalmente conseguiu captar e o Goberno da Deputación outros 26.000 euros.

Pardiñas
A alcaldesa traballa na posta en valor do polígono das Pardiñas onde se sitúan unhas 7 empresas, que dan traballo a máis de 20 persoas. A rexedora busca conseguir un maior asentamento empresarial nesta área industrial, tendo en conta a súa estratéxica situación, pois atópase a carón da A-6. Neste senso, apuntou a necesidade de dotalo de accesos directos con esta autovía.

Etiquetas