O Concello de Castro de Rei presenta un libro sobre Manuel Becerra e Crecente Vega

O Concello de Castro de Rei organiza a presentación do libro Dous fillos da Ponte de Outeiro. Manuel Becerra e Crecente Vega de Manuel Vila e Xosé Antonio Pombo Mosquera que terá lugar o venres 15 de setembro a partir das oito do serán na Aula da Cultura do Concello de Castro (Castro de Ribeiras de Lea).

Os protagonistas
Manuel Becerra (1820–1896) marchou de novo a Madrid por estudar na Escola de Enxeñería, área na que se titulou
destacando en matemáticas. Alí viviu e participou, mesmo como protagonista, nos grandes acontecementos da vida
política da segunda metade do século XIX desde a súa ideoloxía progresista e masónica. Dende 1848 estivo
presente nas conspiracións en contra da monarquía de Isabel II e que provocaron o seu derrocamento. Continuou
coa actividade política durante o chamado Sexenio Democrático ou Revolucionario, no reinado de Amadeo de
Saboya, durante a Restauración e os anos previos ao desastre de 1898… Tenente alcalde de Madrid, deputado
nas Cortes, ministro de Fomento e de Ultramar en varias ocasións, a vida política foi a súa vocación e a súa
profesión. Os seus pensamentos sobre federalismo e autonomismo deberan ser estudados nos nosos días.

Xosé Ramón Crecente Vega (1896–1948) Neno rural, aos 14 anos ingresa no seminario de Mondoñedo e ben axiña destaca en latín e no estudo dos autores clásicos. Ordenado de presbítero en 1919, exerce o seu ministerio na comarca
de Ferrol ata que en 1928 inicia o bacharelato en Ferrol e logo os estudos de letras nas universidades de Santiago e Salamanca. En 1935 trasládase a Madrid para preparar oposicións a ensino medio. Alí sorpréndeo a Guerra Civil
e, con apuros e medos, enfermo e perseguido, tivo que ocultar a súa condición sacerdotal.

Superadas as oposicións, en 1942 toma posesión da praza de catedrático de latín no instituto de Segovia, cidade na que establece contacto con outros galegos cos que celebra reunións gastronómicas e de saudade: delas o poeta deixou constancia en inspirados versos.

Os seus primeiros poemas viron a luz en Santiago de Compostela, en 1933, baixo o título de Codeseira. Foi
grazas aos responsables do seminario de Mondoñedo que se logrou recuperar definitivamente todo o seu legado
literario e que se reunise nun volume co título Folla Bricia. Poesía galega completa, do que é autor R.Polín, e
que foi editado en 2002 pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os autores
Manuel Vila López. Mestre de profesión, voluntario da cultura de vocación, o seu labor como recompilador de
tradicións e da historia da Terra Chá é ben coñecida. Canto teña que ver coa recuperación da memoria colectiva
da comarca conta co seu apoio e abnegado traballo. O tempo dirá, de certo, que o seu labor ao fronte da
integración ben mereceu a pena.

Xosé Ant. Pombo Mosquera. Catedrático de lingua alega e literatura, ten publicados libros de texto para
escolares desta materia e tamén estudos de carácter histórico nos que a Terra Chá é o eixe vertebrador, sempre
tentando, igualmente, recuperar a memoria colectiva das comunidades e deixar constancia do acontecido en tempos
pretéritos.

Ambos agradecen ao Concello de Castro de Rei “as facilidades dadas para que un vello proxecto sexa hoxe unha realidade”.

Etiquetas