Muras celebra os 30 anos da Feira do Poldro

A Feira do Poldro cumpre en Muras 30 anos.

A Feira do Poldro cumpre en Muras 30 anos.

Con motivo do trixésimo aniversario da Feira do Poldro e do Gando Bravo do Monte, o Concello de Muras prepara unha exposición fotográfica e un recoñecemento aos impulsores e impulsoras. Será o domingo 24 de setembro, ás doce do mediodía, na propia feira.

Pero a xornada contará con outros moitos outros atractivos que darán comezo coa chegada do gando ao recinto do alto da Gañidoira para participar no concurso de gando que, igual que nas dúas últimas edicións, contará con catro veterinarios titulados para a súa calificación.

Aos habituais postos ambulantes das feiras, hai que engadir expositores de maquinaria agrícola, de razas autóctonas coma a galiña de Mos, exhibicións caninas ou actividades infantís que inclúen paseos a cabalo da man da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega. Tamén PURAGA será a responsable do concurso morfolóxico e a exhibición de andadura libre; mentres que a tradicional carreira de cabalos estará organizada pola asociación de cabaleiros de Muras, Atila.

Máis de 4.500 euros se repartirán entre os distintos concursos. Por unha banda, o concurso de gando repartirá 150, 100 e 75 euros para os tres mellores exemplares tanto equinos coma bovinos, os mellores lotes de gando cabalar e bovino e ás mellores crías equinas e bovinas, respectivamente. Ao maior número de cabezas de gando resérvanse seis premios de 300, 200, 150, 100, 75 e 50 euros.

Con motivo do concurso morfolóxico que organiza PURAGA outorgaranse tres premios de 135, 110 e 80 euros tanto para os tres primeiros cabalos coma para as tres primeiras eguas.

Finalmente, para as carreiras distinguiranse dúas categorías: alzada inferior a 1,50 metros e alzado superior a 1,50 metros. En ambos casos se entregarán premios de 250 ao primeiro clasificado, 175 ao segundo e 150 ao terceiro.

Tampouco falta nesta feira a parte gastronómica. Este ano “de cara á promoción da carne de poldro no ámbito gourmet” preséntase unha hamburguesa con ingredientes propios da zona coma o pan de espelta, a carne de poldro, queixo da DOP San Simón da Costa e maionesa con soia.

Máis actividades previas
A degustación da carne de poldro noutras preparacións será posible en tres establecementos hostaleiros do municipio -Café Bar A Volta, Café Bar Santi e Picapán Casa Vituco- entre o 15 e o 17 e do 22 ao 23 de setembro; xa que ofrecerán tapas gratuítas dentro das III Xornadas Degustación Carne de Poldro coas que se sortean tres entradas ao club termal do Spa Attica 21 de Santaballa con comida ou cea.

E a estas xornadas hai que engadir outras actividades previas á feira e tamén relacionadas coa figura do cabalo. É o caso da xornada “Gandería, lobos e espazos protexidos” que se desenvolverá o venres 15 no local social de Muras entre as dez da mañá e as tres da tarde baixo a organización do grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia, O Xan, e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). As prazas son limitadas polo que as persoas interesadas poden inscribirse no teléfono 620 593 892 ou a través do enderezo electrónico custodiadoterritorio@gmail.com.

E para o sábado 23 está previsto un roteiro de observación dos cabalos no Xistral entre as once e media da mañá e as catro da tarde. As prazas son limitadas e o prezo da inscrición, que se pode formalizar a través da web www.muras.gal ou do teléfono 982 500 001, é de 15 euros.

Pola tarde, o mesmo sábado haberá xogos ecuestres e olimpíadas rurais organizadas por Atila a partir das seis da tarde. Despois das oito do serán haberá petiscos e animación musical cun dj.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: