Skip to main content
Guitiriz

Na memoria de Don Andrés Pérez Carballeira, por Raúl Río

Por 17 Setembro, 2017Sin comentarios
Cativos dos Vilares.

Cativos dos Vilares.

De humanos é ser agradecido con quen nos abriu os ollos á vida, con quen nos ensinou a ler e escribir a varias xeracións de rapaces da parroquia de Díaz Castro, de aí que lembre neste artigo a don Andrés Pérez Carballeira, o meu primeiro mestre. El ensinoume as primeiras letras na Escola Habanera dos Vilares e a pensar por min mesmo, a botar as contas para que non as boten por min, a amar a literatura e incluso a ganduxar este artigo. Podo asegurar que de todos os mestres e profesores que tiven, tanto na vella Escola de Mestría de Lugo como na Universidade do País Vasco, el foi o que mais pegadas deixou en min.

Don Andrés naceu na Parroquia do Buriz do concello de Guitiriz, o día 7 de maio de 1905. Comezou a estudar humanidades durante dous anos e outros dous de filosofía no Seminario de Mondoñedo, estudos que logo deixou, pasando a facer Maxisterio por libre en Santiago. Naqueles anos de estudante de Maxisterio, para pagar os estudos fixo de capataz na estrada de Parga a Moman que se estaba a construír daquela e, mais tarde, cando foi concelleiro, loitou e conseguiu que a estrada que sae de Guitiriz pasara polas Reixas e rematara no Carpazón, xa que a poderosa familia dos Coira, do Vilariño dos Cregos, onde naceu o poeta, quería levala pola Reboira para que se xuntara en Labrada coa que vai de Parga a Momán.

No ano 1932 casou con Luísa Rosende García, veciña tamén da parroquia do Buriz, e estableceuse nos Vilares, pois, salvo un ano que estivo na parroquia de Belesar e outro no Sabiñao, toda a súa vida docente realizouna nesa parroquia, onde exerceu o seu maxisterio durante mais de 36 anos, para rachar as tebras coas que vimos ao mundo a centos de nenos de distintas xeracións e convertelos en homes de proveito.

Don Andrés

Pero a don Andrés non só lle debemos os veciños dos Vilares o habernos ensinado as letras e os números, pois debémoslle tamén o haber posto un montón de inxeccións cando aínda non había practicantes nin case médicos. A este que subscribe púxolle unha diaria desde recen nacido até que cumprín o ano e medio. Outro traballo que desempeñou con moita frecuencia foi o de perito; chamábano para poñer marcos, medir fincas ou facer partillas, asesorando a calquera veciño que viña a xunto del a consultarlle algo, e todo elo dun xeito altruísta.

Tamén quedou en min o amor que nos inculcou pola terra e polo medio no que vivíamos, pois creou un Horto Escolar ao lado da escola, onde nos ensinaba a sementar, plantar árbores e enxertar. Aínda hoxe podemos atopar arbores daquela época, mazáns, peras, cirolas ou outro tipo de froita en moitas casas da parroquia, e incluso na miña horta de Santurtzi teño varios enxertos descendentes dos árbores que lle mercara naqueles tempos. Ensinábanos a analizar a terra para, dependendo dos seus compoñentes químicos, saber cal era o produto mais adecuado para ela.

Naquela longa noite de pedra explicábanos que todas as equipas de fútbol galegas levaban a cor azul e branca porque esas eran as cores da bandeira de Galiza, que Rosalía non era unha morriñosa, enfermiza y llorona como predicaba o réxime, senón unha muller que berraba moi forte contra as inxustizas que padecíamos os galegos. Debido a súa ideoloxía republicana, nunca fixo apoloxía do réxime nin nos obrigou a cantar os seus himnos oficiais na escola e aínda que foi o recadador do Prato Único(1) na parroquia, sempre soubo manter a súa dignidade persoal. Profundamente relixioso, publicou moitos versos soltos en español, case todos dedicados á Virxe María.

Gustaba de facer excursións cos nenos e menos nenos que tiña por alumnos. Levounos a ver o mar á Coruña e alá nos fomos cheos de fachenda no vello autobús de Margá, todo adornado polos lados e na baca, onde se levaban as cousas os días de feira, con flores de pudia, planta que a xente da Coruña non coñecía e preguntaban de que eran aqueles ramallos dourados con aquel recendo tan agradable. Visitamos a praia de Santa Cristina a Torre de Hércules, a praza de María Pita e tamén a redacción de La Voz de Galicia, na que saímos fotografados uns días despois. Noutra excursión fomos ver o Porto de Ferrol e o estaleiro da Bazán, pero da que gardo o mais grato recordo é de cando nos levou a ver o Pasatempo de Betanzos. Daquela, ese parque enciclopédico, como lle chamou Luís Seoane, xa estaba moi abandonado pero era moito mais grande e contaba con moitas mais obras que as que ten agora. Con dez ou once anos que tiña daquela foi todo un feliz descubrimento que sempre me quedou gravado na memoria.

O certo é que levei unha grande impresión o primeiro día de escola, xa que despois de falar sempre con el en galego, na escola trocouno polo español e iso, xunto con outras cousas que se me meteron na cabeza, fixo que pola tarde non quixera volver a ela.

Logo, cando xa remataba a miña etapa escolar, e como economicamente non había moitos posibles, tivo que convencer a meu pai para que me mandara a estudar a Lugo e fixo que para min a lectura sexa un pracer, pois aínda que non tiñamos biblioteca na escola nin na parroquia, el pedía libros a unha biblioteca ambulante do Ministerio, que logo nos deixaba para que léramos na casa.

Ademais das aulas que impartía ós nenos polo día, tamén daba clases nocturnas e a súa pasantía acudían os mozos cando se ían ao servizo militar ou cando se presentaban a un exame para acceder a algún posto; outras veces para recordar o que xa aprenderan de rapaces e nas mais delas para aprender o que no seu momento non foran capaces por non poñer da súa parte o que debían. Nunca deixou a ninguén desatendido por moitos nenos que tivera.

O 24 de xullo de 1964 recibiu na vila de Pontevedra un premio de 10.000 pesetas en recoñecemento á labor social e profesional que viña desenvolvendo na súa escola, un traballo colectivo de todos os alumnos e que a min me encargou de ilustrar con debuxos da miña autoría.

Durante moitos anos foi colaborador e correspondente de La Voz de Galicia, na que asinaba os artigos como A. P., ou como CARPEAN, que ven ser o conxunto das primeiras sílabas do seu nome e apelidos, pero ao revés.

Tivo que deixar a escola ao principio do curso 1968-1969 debido a unha grave doenza cardíaca que non puido superar.

Sempre haberá quen lle poña chatas ao seu traballo de mestre, pero para valorar a súa capacidade pedagóxica na xusta medida hai que ter en conta que a maior parte das veces contaba con mais de cen alumnos de distintas idades, con distinta capacidade de aprendizaxe e diferentes ganas de traballar. Tendo en conta estas circunstancias non cabe dúbida de que desenrolou unha meritoria labor que algunha xente non sabe recoñecer nin darlle o valor que lle corresponde.

1.- O Prato Único, implantado o 30 de outubro 1936, foi un invento do Xeneral Queipo de Llano. Tratábase de que nos restaurantes, mesóns, hoteis e casas de comida se servira un día ó mes un prato único, pero que se cobrara o menú enteiro e o diñeiro recadado destinábase as necesidades de beneficencia dos fillos dos militares falanxistas. Tamén se establecía unha cota a abonar por cada unidade familiar, dependendo do poder económico que tivera cada familia.

Ao principio propúxose que fora o primeiro venres de cada mes, pero posteriormente a Xunta Técnica do Estado decidiu que foran os días 1 e 15 de cada mes e mais tarde, o 16 de xullo de 1937, converteuse en semanal, ademais de establecerse o Día sen Postre, tamén coñecido como Luns sen Postre.

*Publicado no Terra e Tempo dixital, o 16 de setembro de 2017.

Raúl Río.