O BNG esixe unha investigación sobre un posible fraude nos parques de bombeiros

Os deputados do BNG na Deputación reunidos con membros do corpo de bombeiros da provincia.

Os deputados do BNG na Deputación reunidos con membros do corpo de bombeiros da provincia.

O representante do BNG no Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo vai esixir na reunión do pleno deste organismo que se celebrará o vindeiro luns 25 de setembro que se leve a cabo unha exhaustiva investigación sobre os incumprimentos das cláusulas de concesións por parte das empresas concesionarias dos parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo. As empresas adxudicatarias son Veicar e Natutecnia e xestionan os parques de Chantada Viveiro, Barreiros, Chantada, Sarria, Monforte e Vilalba.

Estes incumprimento por parte das empresa foron denunciados días atrás polo comités de empresa da provincia e fixéronse chegar a todos os grupos políticos da Deputación, así como á dirección do consorcio. “Resulta totalmente inaceptábel que persoas comodamente sentadas no seu despacho especulen cos cartos dos traballadores que se xogan a vida apagando os lumes”manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

“Esta investigación tan só será efectiva se se leva a cabo por persoas independente, totalmente alleas ás empresas e ao propio consorcio, dado que son cantidades elevadas as que se están a defraudar segundo este informe dos representantes do persoal e para que isto ocorrese, tiveron que contar co consentimento de algún estamento do propio consorcio” sinalou Ferreiro.

O BNG tamén porá enriba da mesa a necesidade de que os cartos que se puideran ter defraudados sexan devoltos ás arcas do Consorcio, así como que se tomen medidas contra as empresas, chegando incluso á rescisión do contrato se fose necesario. Outro aspecto tamén fundamentas sería coñecer as persoas responsábeis de que esta situación se producira, tomando tamén as medidas oportunas.

“Dende o BNG non descartamos levar estes informes á Fiscalía para que esta investigue, no caso en que a dirección do consorcio non a faga co rigor necesario ou se o resultado desta non sexa o claro, transparente e contundente que debera”, afirmou o deputado Xosé Ferreiro.

Hai que lembrar que aos bombeiros de Lugo estáselles a “regatear” os fondos necesarios para igualarlles o salario cos outros traballadores de Galiza e mentres tanto parece que se lles permite que as empresas concesionarias levan a cabo este tipo de prácticas.

Os incumprimentos denunciados polos traballadores, de xeito resumido, son:
– Ausencia da formación aos traballadores comprometida nos contratos
– Ter nalgúns momentos menos traballadores contratados dos que se especifica no contrato.
– Non ter operativa a bolsa de traballo para contratacións temporais.
– Non se substitúe ao persoal cando hai baixas ou ausencias imprevistas.
– Non se substitúen os vehículos avariados.
– Non se subministran os uniformes contemplados nas melloras ofertadas pola empresa.
– Exceso de horas traballadas e ausencia das melloras sociais para os traballadores.

Etiquetas