Skip to main content
ActualidadeSociedade

SLG e Ceres abordan a problemática da titularidade compartida nas granxas cunha xornada multidisciplinar en Outeiro de Rei

Por 19 Setembro, 2017Sin comentarios

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, a Asociación Labregas e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres), organizan este venres, 22 de setembro, en Outeiro de Rei (Lugo), unha xornada multidisciplinar na que se abordará a cuestión da titularidade compartida nas explotacións desde varias perspectivas baixo o título “Coñecendo os nosos dereitos e a súa implicación na vida das mulleres”.

Así, a xornada abrirá cunha mesa de debate sobre o “Dereito de familia en cuestión”, que contará coa participación da avogada Sandra Pena, especialista nesta área legal que trata todo o relacionado coa xestión administrativa e política da unidade familiar, como reparto de bens e dereitos, herdanzas, separacións, etc. Obviamente, que unha labrega sexa ou non titular da granxa na que traballa é crucial en caso de que se dean circunstancias como unha separación ou divorcio do cónxuxe.

Tamén a saúde das labregas dependerá directamente de seren ou non titulares da súa granxa, xa que a titularidade leva aparellada a cotización á Seguridade Social e dereitos básicos como baixas laborais por enfermidade ou incapacidade. Disto falará Emma Rodríguez Blanco, enfermeira especialista en dereito á saúde.

Tralo xantar e unha visita guiada ao proxecto Vila de Aldea, en San Clodio de Aguiar (Outeiro de Rei) -lugar onde se desenvolverá a xornada- continuarase pola tarde, xa centradas no tema fundamental do programa, co obradoiro “Claves para a igualdade nas granxas, titularidade compartida”. Cómpre non esquecer que, dende a súa entrada en vigor o 5 de xaneiro de 2012, a Lei de Titularidade Compartida só conseguiu que se desen de alta como titulares 17 labregas na Galiza e 290 en todo o Estado. Estas cifras son a expresión dun rotundo fracaso á hora de aplicar unha lei que debería solucionar o feito de que, na Galiza, siga habendo 35.000 mulleres que traballan na granxa familiar sen ser titulares e, polo tanto, sen dereitos laborais ou sanitarios pola súa profesión. Se falamos a nivel de Estado, calcúlase que son 400.000 as labregas nesta situación de flagrante desigualdade. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG e Ceres estase a defender a necesidade de que a titularidade compartida sexa dada de oficio, aínda que, até o momento, a Administración segue sen responder a un problema á hora de aplicar esta lei que leva arrastrando varios anos e que mantén sen dereitos centos de milles de mulleres que se dedican á agricultura.