Máis de 4.500 euros en premios na XXX Feira do poldro e do gando bravo do monte en Muras

O domingo 24 de setembro, da man do Concello de Muras, celebrarase a trixésima edición da Feira do Poldro e do Gando Bravo do Monte no alto da Gañidoira cunha atractiva programación dirixida a pequenos e maiores.

Exposición fotográfica en recordo dos 30 anos da feira, exposición de maquinaria, de razas autóctonas, exhibicións de adestramento canino ou actividades infantís, ademais de postos de artesanía e alimentación, engadiránse aos tradicionais concursos de gando e a carreira cabalar.

As persoas interesadas en participar no concurso deberán inscribirse previamente, de xeito gratuíto, no Concello de Muras -tamén no teléfono 982 50 00 01- ou na propia feira antes das dez e media da mañá. A partir das once da mañá un xurado -composto por tres licenciados e graduados veterinarios do Hospital Rof Codina acompañados do licenciado veterinario Vicente Cebreiro e un ou unha representante do concello- desenvolverá os labores de clasificación dos animais seguindo unha táboa de cualificación. A súa resolución será irrevogable.

O concurso de gando repartirá 150, 100 e 75 euros para os tres mellores exemplares tanto equinos coma bovinos, os mellores lotes de gando cabalar e bovino e ás mellores crías equinas e bovinas, respectivamente. Ao maior número de cabezas de gando resérvanse seis premios de 300, 200, 150, 100, 75 e 50 euros.

En canto á carreira organizada por Atila, o prazo para inscribirse e presentar a documentación remata ás dúas do mediodía do mesmo día da feira. As carreiras divídense en dúas categorías: alzada inferior a 1,50 metros e alzado superior a 1,50 metros. En ambos casos se entregarán premios de 250 ao primeiro clasificado, 175 ao segundo e 150 ao terceiro.

Todo aquel ou aquela que gañe un premio terá que achegar ata Concello: DNI compulsado, certificado de facenda estatal, autonómica e Seguridade Social, ademais dun número de conta corrente.

PURAGA
Tamén este ano, da man de PURAGA, se desenvolverá o concurso morfolóxico no que se distinguirán primeiro, segundo e terceiro premio para eguas e para cabalos. Neste caso, as contías ascenden a 135, 110 e 80 euros en cada caso.

A Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega tamén organiza unha exhibición de andadura libre.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: