Skip to main content
Actualidade

Remata o prazo para solicitar indemnizacións pola destrución de pataca afectada pola couza guatemalteca

Por 25 Setembro, 2017Sin comentarios
Recollida de pataca.

Recollida de pataca.

O vindeiro luns, 2 de outubro, remata o prazo para solicitar as indemnizacións pola destrución de pataca afectada pola couza guatemalteca nas zonas infestadas, tal e como establecía a orde de axudas da Consellería do Medio Rural publicada o pasado 26 de abril no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O orzamento previsto para esta liña de achegas é de 250.000 euros e nela establécense as compensacións por destrución de vexetais debido á presenza de pragas de corentena, en concreto pola detección de Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) no norte das provincias da Coruña e Lugo e aparición de focos do fungo Fusarium circinatum, causante do chancro resinoso do piñeiro.

No caso da couza da pataca, o baremo de indemnizacións oscilaba entre os 0,30 euros/quilo (para o tubérculo de consumo producido na explotación) e os 0,70 euros/quilo para a pataca de semente. No caso das plantacións establecidas en zonas infestadas, fixouse unha indemnización de 0,40 euros por metro cadrado de superficie plantada. Tamén se determinaba un baremo para os almacéns comercializadores. Neste caso é o prezo de compra, debidamente xustificado mediante factura de venda do provedor de pataca de semente ou, para tubérculo de consumo, o prezo de adquisición por parte dos almacenistas, que o acreditarán mediante a factura de compra.

Para o fungo causante do chancro do piñeiro (o Fusarium circinatum) concretouse tamén un baremo de subvencións, que oscilaba entre os 0,108 e os 0,144 euros/planta, en función do número de exemplares que se compensan.