Skip to main content
Actualidade

A CHMS colabora na formación dos voluntarios ambientais que participan na limpeza dos ríos

Por 28 Setembro, 2017Sin comentarios
Francisco Marín e Virginia Rodríguez asinaron o convenio de colaboración entre a CHMS e ADEGA.

Francisco Marín e Virginia Rodríguez asinaron o convenio de colaboración entre a CHMS e ADEGA.

O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), asina un Convenio de Colaboración coa Asociación Ecoloxista ADEGA, mediante o que se entrega unha subvención de 10.000 euros para o desenvolvemento dun programa de formación de voluntariado ambiental e divulgación dos valores naturais asociados á Conca do Miño-Sil.

Este convenio foi rubricado este mércores, na sede da CHMS, por Francisco Marín, presidente do organismo de conca; e por Virginia Rodríguez, presidenta de ADEGA. Ambas as partes comparten o obxectivo común da defensa e promoción da sustentabilidade dos ecosistemas fluviais e consideran de gran importancia levar a cabo conxuntamente o desenvolvemento de diversas actuacións de colaboración e cooperación no ámbito do desenvolvemento sustentable e de educación ambiental.

ADEGA vén desenvolvendo desde hai anos acciones concretas no fomento e mantemento da sustentabilidade dos ríos a través do Proxecto Ríos que ten como finalidade principal dar a coñecer o papel fundamental dos ríos e das súas problemáticas ambientais, así como divulgar prácticas e comportamentos que permitan aos cidadáns o mantemento e mellora dos sistemas fluviais mediante dinámicas que fomenten a súa participación.

Neste sentido a asociacion xa dispón da infraestrutura e dos medios técnicos adecuados, así como da experiencia necesaria en coordinación de voluntarios, consolidando, ao longo dos anos, unha ampla rede de voluntariado que garante unha capacidade de difusión e repercusión das actividades realizadas.

“Desde a CHMS consideramos que a colaboración na formación de voluntarios é clave para continuar un labor que esta Asociación Ecoloxista vén desenvolvendo en favor da mellora e conservación dos ecosistemas e das canles fluviais” concluíu Francisco Marín, presidente do organismo de conca.