O Goberno da Deputación colabora coa Fundación Secretariado Gitano para reducir a taxa de abandono escolar

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, mantivo este xoves no IES Lucus Augusti de Lugo, un encontro cos 3 estudantes lucenses graduados que participan no Programa Promociona 2017, co que colabora o Executivo Provincial cunha achega económica de 10.000 euros para a contratación dun profesor e material escolar para os estudantes. Trátase da iniciativa da Fundación Secretariado Gitano de Lugo, dirixida aos distintos axentes que participan no eido educativo, como as familias, os centros educativos ou o propio alumnado. A principal finalidade deste proxecto é asesorar e orientar aos nenos de entre 12 a 16 anos, e as súas familias, coa estreita colaboración dos centros educativos lucenses, para acadar taxas máis elevadas de éxito escolar na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), e deste xeito, promover a continuidade nos estudos postobligatorios.

Santos Ramos destacou que “dende o Executivo Provincial apoiamos este proxecto porque a educación é a mellor ferramenta que temos para conseguir a inclusión social deste colectivo, co fin de reducir a porcentaxe de abandono escolar na nosa provincia, pois un 64% dos alumnos xitanos, entre os 16 e os 24 anos, non conclúen os estudos obrigatorios, fronte o 13% do resto do alumnado. Con estas cifras, dende as administracións públicas temos que apostar e colaborar para que os xitanos poidan ter as mesmas oportunidades educativas, laborais e sociais que o resto da sociedade, por iso, as programacións que realizamos dende este Goberno da Deputación, sempre inclúen cláusulas sociais, que valoran positivamente a inclusión dos xitanos”.

Programa Promociona
As accións centrais do Programa Promociona van dirixidas a alumnos e alumnas xitanos do último ciclo de Educación Primaria (5º e 6ºcurso) e Secundaria Obrigatoria (de 1º a 4º de ESO) da cidade de Lugo. O traballo cos alumnos e coas súas familias é fundamental no proceso de aprendizaxe, pois esta iniciativa vai dirixida a reorientar, mellorar e garantir o coñecemento e desenvolvemento dos rapaces no día a día na escola.

Este proxecto conta co traballo de varios profesionais, como unha orientadora educativa e un profesor de aula, que ofrecen aos alumnos e as familias que participan neste programa, mecanismos e ferramentas para que teñan maior autonomía para estudar, así como orientación educativa individualizada a través de entrevistas e titorías aos rapaces. Ao longo do ano escolar, os alumnos realizan tarefas de distintas materias escolares e actividades, no centro que posúe a Fundación Secretariado en Lugo. Na pasada edición do Programa Promociona participaron 22 alumnos da cidade de Lugo.

Fundación Secretariado Gitano
Esta asociación sen ánimo de lucro leva funcionando dende fai 13 anos, prestando servizo educativo e laboral a máis de 500 xitanos. A FSG desenvolve todo tipo de accións que contribúen a alcanzar a plena cidadanía das persoas xitanas, a mellorar as súas condicións de vida, a promover a igualdade de trato e a evitar toda forma de discriminación, así como promover o recoñecemento da identidade cultural da comunidade xitana.

Etiquetas