ABANCA ofrece solucións de crédito ás cooperativas e cooperativistas de AGACA

Víctor Casal e José Montes asinaban o convenio de colaboración entre Abanca e Agaca.

Víctor Casal e José Montes asinaban o convenio de colaboración entre Abanca e Agaca.

ABANCA e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) veñen de asinar un novo convenio que dá resposta ás necesidades dun sector clave para a economía de Galicia. A entidade financeira renova así o seu compromiso co sector primario e coas cooperativas e cooperativistas vinculados ao mundo agroalimentario.

O presidente de AGACA, José Severino Montes, e o director de ABANCA Empresas e Pemes, Víctor Casal, rubricaron este venres un acordo na sede da Asociación que responde ás demandas recibidas pola entidade financeira desde o sector. O acto tamén contou coa participación do director de ABANCA Agro, Jesús Combarro.

O convenio permite a estes profesionais acceder á ampla oferta agro-gandeira de ABANCA, deseñada especificamente para dar resposta ás súas necesidades. Para iso, a entidade financeira galega habilita desde este momento unha póliza de crédito, renovable ata cinco anos, con xuros moi baixos e sen comisións. Para facer fronte aos gastos correntes, ABANCA tamén conta con fórmulas como anticipos de subvencións ou devolucións de impostos.

No capítulo de investimentos, o banco con sede en Galicia ofrece a cooperativas e cooperativistas préstamos persoais sen xuros ou comisións con amplos prazos de amortización. De maneira adicional atopamos alternativas como o financiamento de planes de mellora ou o préstamo investimentos para o sector forestal e vitivinícola. O texto asinado tamén inclúe o apoio de ABANCA ao crecemento e internacionalización do colectivo de cooperativas, a través de produtos como as liñas de comercio exterior, o confirming e o factoring.

O compromiso da entidade financeira intensifícase en sectores que están a atravesar dificultades, como o lácteo, o vitivinícola ou os cultivos de patacas. Nesta liña, ademais de atender as súas necesidades de crédito, ABANCA ofrece o financiamento de seguros agrarios, que poden axudar a paliar os efectos das inclemencias meteorolóxicas máis habituais.

Paralelamente á sinatura do convenio financeiro, ABANCA e AGACA expresaron o seu interese en divulgar a relevancia que supón para o sector a obtención de certificacións de calidade. De feito, nos vindeiros meses programarán sesións dirixidas a informar aos gandeiros de produción láctea.

Este apoio da entidade financeira xa conta con precedentes en numerosas cooperativas de Galicia e axentes relevantes do sector primario. Hai máis de dous anos ABANCA lanzou ABANCA Agro, a súa unidade especializada que reforza o seu compromiso con este sector estratéxico para a economía de Galicia. Trátase dunha división que conta con ofertas financeiras deseñadas ad hoc para atender as súas necesidades particulares e xestores altamente formados.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias é a organización representativa do cooperativismo agroalimentario da Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido máis amplo do termo: comprometida coa representación das cooperativas e das súas particularidades empresariais e sociais e tamén cos cooperativistas, tanto na dimensión humana como na profesional.

A través deste compromiso coa entidade financeira, a Asociación evidencia novamente a procura de opcións diversas que sirvan de apoio e estímulo ás cooperativas e aos seus cooperativistas tratando de acadar convenios que axuden a aliviar ás múltiples cargas ás que deben facer fronte os profesionais do contorno rural galego e agradece o apoio de Abanca no impulso da certificación nas explotacións lácteas galegas.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: