Vilalba Aberta presenta un plan de transitoriedade cara ao fomento da agricultura ecolóxica e de proximidade

A asemblea de Vilalba Aberta ven de presentar a que será a súa segunda iniciativa de cara ao Pleno Ordinario do vindeiro martes. Unha proposta en forma de plan de transitoriedade e que pretende desembocar na futura redacción dun máis extenso proxecto integral destinado ao fomento e desenvolvemento da agricultura ecolóxica e de proximidade, en tanto ca fonte de emprego e riqueza para a pequena e mediana economía do Concello.

Dende a formación asemblearia, ampáranse no incremento das demandas dos consumidores en relación cos produtos ecolóxicos. Unha dinámica ascendente que está a crear numerosas oportunidades en todos sectores da cadea de subministración, coa consecuente potencialidade en termos de impulso do desenvolvemento económico para as áreas rurais e semirurais do conxunto da UE. Neste senso, lembran, os estudos estiman que o mercado de produtos ecolóxicos está a crecer a un ritmo do 10-15% por ano, e que a achega dos produtos ecolóxicos ao total do mercado alimentario dos Estados Membros da UE, experimentou incrementos próximos ao 6%.

A maior seguridade económica a produtores, transformadores, distribuidores e comerciantes ecolóxicos e os beneficios económicos directos e indirectos desta tendencia á alza, fan, para Vilalba Aberta, ver na agricultura ecolóxica e de proximidade unha verdadeira ventá de oportunidade no que ten que ver coa creación de nichos de emprego para a veciñanza, a través de empresas dedicadas á produción orgánica, á demanda de máis man de obra derivada das restricións no uso de insumos e en base á prioridade que se dá aos métodos físicos e mecánicos de produción dende o sector. Ademais, destacan, existe unha alta compatibilidade de explotacións ecolóxicas con outro tipo de negocios rurais e empresas dedicadas ao ecoturismo e, con ela, impúlsanse novas áreas de investigación relacionadas coa protección das plantas, o benestar dos animais, os recursos renovables, etc…

Mais non menos importante para a asemblea veciñal é a contribución que a agricultura ecolóxica pode xerar no comercio local, recortando a cadea de subministración alimenticia e fomentando o uso de diversas canles de mercado ou sistemas de repartición a partir de pedidos vía Internet, ademais doutras máis novas e diversas oportunidades de comercialización en canles curtas. De feito, os integrantes da cadea de subministración de produtos ecolóxicos están a miúdo activamente involucrados en máis dun elo e os agricultores ecolóxicos participan tamén nas fases de elaboración e comercialización.

Na mesma liña se pronunciou o seu voceiro no Concello, Modesto Renda, quen ve na agricultura ecolóxica e de proximidade “o potencial sector estratéxico sobre o que pivote a recuperación da pequena e mediana economía de Vilalba”, destacando da mesma “a súa capacidade para influír, tanto a nivel económico coma social, na zona inmediata de implantación”.

É por isto que chamará ao consenso en torno a un programa ponte que abrangue dende a creación dunha plataforma de distribución directa, ata o establecemento dunha oficina de asesoramento ou a inmediata posta en marcha dun taller de emprego sobre agricultura ecolóxica dirixido a mozos desempregados/as con sensibilidade polo mundo rural. A subvención da conversión e obtención das certificacións, o establecendo dunha dotación económica nos orzamentos 2018 a través de catro partidas específicas, e o lanzamento dunha campaña de concienciación veciñal para a divulgación e fomento dos valores asociados á agricultura ecolóxica, outras das súas liñas mestras.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: