Ángeles Vázquez coordina con todos os xefes territoriais as prioridades do último trimestre do ano

Ángeles Vázquez reuníase cos xefes territoriais para coordinar o traballo do último trimestre do 2017.

Ángeles Vázquez reuníase cos xefes territoriais para coordinar o traballo do último trimestre do 2017.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de manter un encontro de coordinación cos xefes territoriais das catro provincias co obxectivo de facer balance dos traballos levados a cabo ata o de agora e do que queda por facer de cara ao último trimestre de ano.

En concreto, a piques de rematar a temporada de alto risco, nesta reunión pretendíase analizar as actuacións que se desenvolveron durante os incendios forestais do verán, valorar o operativo en cada caso e as dificultades que puideran xurdir co fin de seguir mellorando.

Doutra banda, a conselleira aproveitou para tomar nota das necesidades que ten cada provincia, trasladadas de primeira man polos xefes territoriais de cada delegación co obxectivo de dar resposta desde a consellería e establecer a prioridade de cada unha delas. Así, compartíronse criterios buscando reforzar a coordinación entre todos os departamentos.

A conselleira aproveitou a cita para lembrar o importante peso dos servizos provinciais á hora de conseguir os obxectivos de Medio Rural de cara a esta lexislatura e que pasan, entre outros, por mobilizar o maior número posible de terras, ben a través de reestruturacións parcelarias ou dos outros mecanismos postos en marcha desde esta consellería. Tamén é labor das delegacións a xestión de axudas e outros trámites dos particulares e controlar sobre o terreo o cumprimento da normativa en materia forestal e agrogandeira e, no seu caso, notificar as infraccións.

Por último, Ángeles Vázquez agradeceu o compromiso dos catros xefes territoriais e de todo o seu equipo por levar á práctica as directrices que se fan desde os servizos centrais e desenvolver a carga de traballo que delas deriva. “Sen o voso labor sería imposible facer do rural un lugar atractivo para vivir”, sinalou a conselleira ao tempo que lles encargou “seguir preto do sector” para escoitar as súas demandas e detectar as súas necesidades.

Etiquetas