O Concello de Guitiriz executa melloras en estradas e pontes por máis de 225.000 euros

O Concello de Guitiriz está a executar diversas obras en distintos puntos do municipio que supoñen un investimento superior aos 300.000 euros. Con fondos do Plan Único da Deputación, as estradas de Pedrafita e Os Vilares están a ser rexeneradas cun orzamento de 108.693,97 euros.

Á rexeneración de arredor de catro quilómetros en dúas estradas na parroquia de Piedrafita –a estrada provincial ata o límite con Begonte por Baamonde e a que une esta co barrio de Pereiro ata rematar no acceso a Begonte por Baamonde- destínanse 65.313,18 euros. Pero tamén as estradas da parroquia dos Vilares están a ser rexeneradas por un importe de 42.951 euros. Neste caso, as estradas afectadas son a provincial que comunica Guitiriz co Merendero entre este mesmo punto e a Carballeira do Cancelo pasando por Nandulfe e Coto Fagundo.

Pontes de Bustelo e Porucelo
O Concello tamén ten en marcha o arranxo da ponte de Bustelo sobre o río Portomuíño na parroquia de Buriz por un importe de 52.556,35 euros.

A ponte, situada na estrada que une as parroquias de Os Vilares e O Buriz, dende a Chousagrande ate A Ventisca permite cruzar o río Portomuíño ao pasar a aldea de Bustelo xusto no punto no que o poeta Xosé Mª Díaz Castro compuxo o seu poema “Vísperas” .

A ponte existente atopábase en moi mal estado e precisou do seu derrubamento completo. A nova construcción, adaptada á normativa de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, será unha obra “totalmente nova e segura”.

A obra execútase con cargo ao canon eólico e ven a completar o arranxo da ponte de Porucelo, en Pígara.

Ruta da Auga
A mellora da accesibilidade e da sinalización da Ruta da Auga será rematada no vindeiro mes de novembro. As obras, adxudicadas por un importe superior aos 32.000 euros, son cofinanciadas pola Dirección Xeral de Turismo e o Concello de Guitiriz que achegan 24.000 e 8.000 euros, respectivamente.

As obras consisten na reparación do firme en tramos especialmente danados: pontes e pontellos, firme e restauración da sinalización perdida ou en mal estado.

As obras supoñen unha “vella aspiración” do Equipo de Goberno por tratarse do roteiro máis coñecido e usado do Concello. Esta ruta, que ten xa máis de 10 anos, foi executada con fondos procedentes de Agader, 50%, e o 50% restantes con fondos propios do Concello.
O roteiro de preto de 20 quilómetros parte do San Alberto en pleno Camiño de Santiago e remata en Pardiñas despois de pasar polas fontes de Valdobín en Parga e San Xoán en Lagostelle. E dende a súa homologación é o roteiro usado por infinidade de persoas do Concello pero tamén por numerosos visitantes que veñen en grupos, en familia ou con amigos.” É unha ruta que está moi ben valorada e supón un plus para Guitiriz e sobre todo para os establecementos de restauración”, segundo indica a rexedora local, Regina Polín.

Casco urbano
Dentro do casco urbano, o Concello está a piques de adxudicar dúas obras por valor de 23.407,08 euros.

As obras, financiadas con fondos propios, consisten na rexeneración de dúas rúas: a rúa Xermolos e a rúa das Lameiras. As dúas se executan en aglomerado, aínda que a rúa das Lameiras inclúe o arranxo dun problema no saneamento da auga xusto no seu comezo.

Por outra banda, nas proximidades da zona urbana, estase a rexenerar unha estrada en zahorra, moi transitada por peóns, que bordea a parte esquerda da finca do balneario. Neste caso o custe supera os 10.000 euros que proceden dun convenio excepcional asinado coa Deputación de Lugo. Con cartos do mesmo convenio tamén se mercou un robot para a limpeza da piscina municipal por máis de 3.000 euros e unha finca ubicada á beira do parque empresarial para realizar un saneamento e que supuxo un custe de 5.000 euros.

Centro de día
O Concello de Guitiriz ven de iniciar tamén as obras de restauración da antiga casa de peóns camineiros situada na antiga Nacional VI que se dedicará a Centro de Día Municipal.

A obra supón un investimento de 84.450 euros financiados nun 80% por Agader a través do Grupo de Desarrollo Rural da Terra Chá, mentres que o 20% do restante, corre a cargo do propio Concello.

A obra supón a rehabilitación da casa de cara a darlle uso trala súa adquisición no ano 2010 grazas ás xestións municipais ante o Ministerio de Fomento que tamén cedía ao Concello o tramo da antiga vía estatal e unha parcela na súa contorna. “Ao mesmo tempo mellorará a imaxe dunha zona que xa de por si é atractiva”, indica Polín.

Por outra banda, este investimetno repercutirá favorablemente nas arcas municipais xa que, coa súa posta en funcionamento o vindeiro ano, suporá o aforro de máis de 600 euros que neste momento supón o alugueiro mensual do edificio onde está ubicado o Centro de Día.

Tamén repercutirá no aumento do número de prazas do Centro de Día e, ao mesmo tempo, permitirá que a residencia que se pretende construír na Casa da Botica teña máis prazas de internos ao contar o Concello co Centro de Día noutra ubicación.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: