Skip to main content
ActualidadeSociedadeXermade

Preto de 300 persoas participarán na VIII Carreira Popular de Xermade

Por 9 Outubro, 2017Sin comentarios
Rivera, García e Guerra presentaron a VIII Carreira Popular de Xermade.

Rivera, García e Guerra presentaron a VIII Carreira Popular de Xermade.

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e o Concelleiro de Deportes, Carlos Alberto Guerra González, presentou este luns a oitava edición da Carreira Popular de Xermade, que terá lugar no municipio chairego o vindeiro sábado, 21 de outubro a partir das 17:00 horas, e que reunirá a preto de 300 persoas de todas as idades.

O Goberno da Deputación colabora co Concello na organización desta actividade cunha achega de 8.000 euros, coa que tamén permite a celebración doutras iniciativas deportivas como a Copa Concello de Xermade, a Pedalada Solidaria ou un proxecto de envellecemento activo no municipio.

Rivera Capón subliñou que “a nosa colaboración con esta Carreira Popular, que xa se ten feito un oco no calendario galego, pois suma oito edicións, enmárcase na aposta por potenciar turisticamente e dinamizar a economía dos Concellos a través de eventos que reúnen a un gran número de persoas como é o caso desta proba deportiva que, polas súas características, cada ano suma adeptos. Esta é unha das liñas de actuación que define o primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo, que elaboramos dende o Goberno da Deputación para impulsar a economía lucense e xerar emprego a través deste sector”.

A proba, aberta a todos os atletas, federados ou non, e público en xeral, sairá da Praza do Concello (no caso de que o tempo non o permita será desde o pavillón polideportivo) e discorrerá por vías do municipio de Xermade.

Os primeiros en saír serán os máis pequenos, das categorías pitufo e prebenxamín que percorrerán 100 metros. A continuación, será a quenda dos benxamines, que terán que completar 500 metros. Seguidamente, sairán os corredores das categorías alevín e infantil, que deberán facer 1 quilómetro, e tras eles, irán os xuvenís e cadetes que completarán un circuíto de 2 quilómetros. Finalmente, os participantes da carreira absoluta partirán en torno ás 17:45 horas e percorrerán 6,3 quilómetros.

Inscricións e premios
As inscricións permanecerán abertas ata o xoves día 19 ás 23:59 horas. Os interesados poden anotarse xa a través da web www.carreirasgalegas.com. Todos os participantes recibirán un agasallo conmemorativo.

Na categoría de pitufos e prebenxamín haberá medallas para todos os participantes, mentres que nas categorías de alevín a veterano entregaranse trofeos para os tres primeiros de cada categoría e sexo. A entrega de premios será na Praza do Concello de Xermade e comezará, aproximadamente, ás 18:30 horas.

Ademais, haberá aparcadoiro gratuíto, cuartos de baño na zona de saída e chegada, vestiarios e duchas no pavillón municipal, así como avituallamento ao final de cada carreira para todos os participantes.