O Grupo Provincial do PP súmase ás queixas polo peche anticipado do servizo de catamaráns

O Grupo Provincial do Partido Popular súmase ás queixas que vén de trasladar o sector turístico da Ribeira Sacra tras coñecer a decisión da Deputación de Lugo de pechar por anticipado o servizo de catamaráns que cobre as rutas fluviais do Sil e do Miño. A Deputación de Lugo confirmou que pecharán o servizo con dous meses de antelación.

Os populares presentarán unha pregunta no próximo Pleno que celebre a Corporación Provincial para saber os motivos polos que o Goberno do socialista Darío Campos toma esta decisión “tan pouco acertada” e que tanto pode danar ao turismo na Ribeira Sacra atendendo aos bos datos que o servizo de catamaráns está a rexistrar.

Espérase unha boa ocupación ata finais de ano
Desde o Grupo Provincial do PP recordan que a propia Deputación ofreceu os datos sobre as reservas ao inicio da temporada nos que aseguraban que había 10.000 reservas confirmadas ata finais de ano. Por se isto fora pouco, as previsións indican que os vindeiros meses a ocupación será máis elevada que no mesmo período do ano 2016.

Efecto dominó
Así, desde o PP denuncian esta decisión unilateral que vén de tomar a Deputación de Lugo e que sentou un enorme malestar entre o sector turístico, posto que o peche das rutas fluviais traerá consigo un efecto dominó noutros servizos como a hostalería ou ás hospedaxes, entre outros. Os populares consideran inadmisible esta decisión, polo que se interesarán pola posibilidade de que os catamaráns sigan en funcionamento, se non é posible todos os días da semana, cando menos as fins de semana e os festivos, nos que o número de reservas é máis elevado.

Recordan ademais que outras tempadas se mantivo o servizo ata finais de ano e houbo demanda, polo que non comparten que se ataque así a un dos buques insignia da Ribeira Sacra, como é o servizo de catamaráns, coas consecuencias que iso traerá para o turismo e a economía da zona.

Desde o PP critican a improvisación do Goberno do PSOE e a súa incapacidade para defender un dos principais puntais económicos da Ribeira Sacra, como son as rutas fluviais do Sil e do Miño.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: