Skip to main content
Actualidade

A meteoroloxía adversa e a acumulación de fume complican a actuación dos medios aéreos nos lumes

Por 16 Outubro, 2017Sin comentarios

A situación meteorolóxica que se está a experimentar en Galicia este luns está a complicar a actuación dos medios aéreos nos incendios rexistrados na nosa comunidade. Os principais problemas viñeron dados por un manto de nubes moi baixo, que sumado á concentración de fume provocado pola excepcional vaga de lumes rexistrada na fin de semana, están a complicar os labores de extinción. Sen embargo, malia as dificultades, hai xa seis helicópteros traballando en diferentes incendios, que comezaron a actuar a partir da unha da tarde, aproximadamente.

Ao longo da mañá os medios aéreos fixeron diferentes intentos de voo, sempre en condicións de seguridade, para actuar, pero foi imposible polas condicións adversas. Chegou a haber diferentes despegues de hidroavións e helicópteros, que tiveron que ir modificando o seu destino en función da situación cambiante. Finalmente, tras varios intentos, foi posible poñer no ar os referidos helicópteros, que traballan xa sobre o terreo.

Así, dos 14 helicópteros e 5 avións anfibios que Galicia ten a disposición arestora para facer fronte ao lume, tanto da Xunta como do Goberno Central, están operativos neste momento os devanditos 6 helicópteros e agárdase que o resto de medios vaian incorporándose progresivamente se mellora a visibilidade e se pode facer en condicións de seguridade.