Skip to main content
Actualidade

As capturas de couza guatemalteca da pataca reducíronse en Galicia nun 65% en 2017 con respecto ao ano pasado

Por 19 Outubro, 2017Sin comentarios

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse co seu homólogo asturiano, Jesús Casas, para facer un balance da evolución da praga da couza guatemalteca da pataca. Ambos constataron unha evolución positiva dos traballos desenvolvidos ata o de agora, que permitiron frear o avance da praga, que se mantén, polo de agora, confinada na zona demarcada.

Así, só en Galicia no que vai de ano reducíronse por riba do 65% as capturas con respecto ao pasado ano, pasando de 12.786 a 4.465 en total. Estes datos foron anunciados pola directora xeral, que informou de que a Xunta está a intensificar os labores de trampeo co fin de capturar exemplares de couza, tanto na zona demarcada como no conxunto do territorio. “En xeral, o número de capturas descendeu de xeito moi importante, o que indica un freo no avance da praga”, declarou Belén do Campo.

O encontro, que tivo lugar en Ribadeo, serviu para avaliar os últimos datos sobre a loita contra esta praga en ambas comunidades e para adoptar a decisión de continuar reforzando a vixilancia en todo o territorio, especialmente en seis concellos, dous de Galicia (Trabada e Ribadeo) e catro en Asturias (Vegadeo, Castropol, San Tirso e Taramundi).

Nesta xuntanza confirmouse tamén a incorporación á zona infestada do concello de Cariño, en Galicia, por terse detectado presenza de exemplares do insecto nas trampas, así como noutros de 10 municipios asturianos. Sospeitase que estas capturas están relacionadas co movemento de patacas entre municipios. Así, nestes once casos estenderase a prohibición de plantación de pataca, que abarca todos os concellos con algún positivo, para frear a expansión da praga. Esta medida que ten carácter preventivo para evitar a expansión da couza será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia. Tamén por este mesmo motivo acordouse ademais intensificar os labores de control de movemento de pataca por parte dos corpos e forzas de seguridade do Estado (Garda Civil e Policía Autonómica).